Adiado o Paseo pola Coruña Literaria con Olivia Rodríguez sobre A Coruña de Luz Pozo Garza, o sábado 21 de marzo

Os Paseos pola Coruña Literaria primavera 2020 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña
Estes Paseos constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.

– Están destinados a persoas maiores de 16 anos e son gratuítos.
– É necesaria a inscrición, pois están limitados a 55 prazas.
– A inscrición pódese facer en Normalización Lingüística no Centro Ágora, chamando ao 981 184 200 ext. 34333 e 34321 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos) e no correo inscricionslingua@coruna.es, nas seguintes datas:
Olivia Rodríguez. Inscrición desde o xoves 12 de marzo. (Por causa da suspensión de todas as actividades municipais durante quince días, queda adiado este paseo, pendentes de confirmar a nova data).
María Canosa. Inscrición desde o luns 23 de marzo.
África López. Inscrición desde o luns 6 de abril.
Xosé Antón Bocixa e Emma Pedreira. Inscrición desde o luns 27 de abril.

Sábado 21 de marzo (a partir das 12:00 h.): Olivia Rodríguez. A Coruña de Luz Pozo Garza. Inscrición: desde o xoves 12 de marzo. O DÍA 13 DE MARZO DE 2020 O CONCELLO DA CORUÑA CANCELOU TODAS AS ACTIVIDADES EN QUINCE DÍAS E, POR TANTO, QUEDA ADIADO O PRIMEIRO DOS PASEOS, PENDENTE DE CONFIRMAR A NOVA DATA EN QUE SE REALIZARÁ.
​Faremos un percorrido polos espazos vitais e poéticos de Luz Pozo Garza na nosa cidade e deterémonos naqueles lugares máis significativos na súa traxectoria.

Sábado 4 de abril (a partir das 12:00 h.): María Canosa. Peregrina na miña cidade. Inscrición: desde o luns 23 de marzo.
O paseo rememorará a visión de dúas protagonistas dos últimos libros da autora. Nunha delas, a protagonista chega á cidade por mar e sentirase atraída por todo aquilo que é a fachada da cidade pero tamén polo que queda ás súas costas. A segunda protagonista vive dentro da cidade e transita os espazos menos pintorescos e máis prosaicos, o día a día, a cidade que se “usa”.

Sábado 18 de abril (a partir das 12:00 h.): África López Souto. Concepción Arenal na Coruña: escoitando as “malas mulleres”. Inscrición desde o luns 6 de abril.
Faremos un percorrido aberto e participativo pola presenza de Concepción Arenal na nosa cidade, incidindo nas súas perspectivas en relación a unha visión humanitaria do castigo, a potencia da amizade entre mulleres, centrada na súa relación con Juana de Vega, e o legado que deixou a súa vida e obra na nosa cidade.

Sábado 9 de maio (a partir das 12:00 h.): Xosé Antón Bocixa e Emma Pedreira. O éxodo, a ruína. Inscrición desde o luns 27 de abril.
Un paseo pola poética da memoria e da casa baleira e abandonada e que fica no silencio da ruína, desde o audiovisual ao literario, coa mirada diversa e complementaria destes creadores.