A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), ante a evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, quere manifestar, canda os demais colectivos do tecido cultural do noso país, a súa fonda preocupación polo grave impacto que están a ter na nosa sociedade as consecuencias desta epidemia, deixando un rastro de enfermidade, sufrimento, dor e perda entre toda a cidadanía. Igualmente, dende a AELG observamos con gran preocupación os efectos sociais e económicos derivados das medidas de contención da epidemia que se están a dar en todos os colectivos afectados por esta crise.
Para todos eles, a nosa solidariedade, afecto e comprensión.
As traballadoras e traballadores da cultura, entre quen nos contamos, non somos alleas ao drama desta situación que, con ser grave, probabelmente o sexa máis aínda no seu desenlace cun panorama que comportará, en moitos casos, miseria, escaseza, precariedade e dificultades para a subsistencia.
Neste momento, é incalculábel o dano que ao noso sector lle están a provocar a cancelación de todo tipo de actividades culturais en todo o Estado -o peche dos espazos escénicos, museos, bibliotecas e programas, entre outros, durante un período inicial de quince días que ben puidese ser ampliado, no peor dos supostos.
Así, o Goberno do Estado puxo xa sobre a mesa a posibilidade de adiar uns meses o pagamento da cota das persoas que están dadas de alta como autónomas. Mais aos prexuízos económicos que ocasiona a cancelación dos actos culturais, debemos engadir tamén o custo de todos aqueles gastos que as traballadoras e traballadores da cultura deberán seguir asumindo neste tempo, poñendo en serio risco o seu medio de vida e o das súas familias.
Ao forte impacto social que ocasiona a anulación de toda programación cultural no seu sentido máis amplo, cómpre engadirmos a invisibilización e o acompañamento social e económico da cultura no noso día a día, pois a cultura contribúe decisivamente ao benestar das persoas.
Paralelamente, esta crise comportará irremediabelmente o deterioro da proxección exterior -alén do espazo estatal- da nosa cultura e a nosa lingua. As consecuencias da cancelación de feiras internacionais do libro, festivais e similares, comportarán tamén importantes perdas e custos para a economía da nosa cultura.
A historia da nosa lingua e da nosa cultura é unha historia, como a do noso país, de dificultades e carencias, pero tamén o é de compromiso, resistencia e solidariedade.
Por iso, acompañaremos a cidadanía nun esforzo compartido por superar xuntas esta crise e recuperar a normalidade nas nosas vidas. E por iso, tamén, demandamos do Goberno da Xunta de Galicia, da Consellería de Cultura e do resto de institucións que teñen capacidade para facelo, o seu compromiso inequívoco coa nosa cultura e a nosa lingua. A implementación de medidas específicas de apoio aos distintos colectivos do sector, a habilitación de partidas económicas que garantan a continuidade da nosa industria cultural e poidan contribuír a paliar as situacións aquí descritas, constitúen unha prioridade para o país.
Vivimos unha emerxencia, tamén cultural. Debemos coidala e recuperala, mais precisamos a axuda de quen pode facelo, antes de que sexa demasiado tarde.
O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega