Flor Maceiras: “Non pode ser que a palabra ‘cultura’ xustifique a explotación laboral nin a falta do rigor que necesita o oficio teatral”

Entrevista de Montse Dopico a Flor Maceiras en Praza (foto: AAAG):
“Sendo nena, Flor Maceiras recibiu un regalo especial. Que non era outro que o teatro. A posibilidade de descubrilo a través dun grupo teatral escolar que montara o entón mestre Manuel Lourenzo. Desde aquela, non quixo facer outra cousa. Pasou, como actriz, por compañías como Elsinor Teatro, Teatro do Noroeste, Teatro do Atlántico, Teatro Proscrito, Teatro Maltés ou o Centro Dramático. Desde hai xa dúas décadas dirixe a Escola Municipal de Narón, da que saíron tantos actores e actrices da escena galega actual. Estas dúas facetas, a de docente e a de actriz, converten a esta muller “nun elo fundamental do pasado, do presente e do futuro da nosa profesión”. Así o cre a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que a escolleu este ano para ser recoñecida co Premio de Honra Marisa Soto dos María Casares, galardóns tamén condicionados pola crise do coronavirus, neste caso co adiamento da gala que se ía celebrar o vindeiro día 26. Falamos con ela.
– Praza (P): Antes de nada, a pregunta difícil de evitar: que supón para vostede recibir este recoñecemento?
– Flor Maceiras (FM): Pois hai algo deste premio que me agrada especialmente. Ao cariño grande que supón por parte da profesión, que xa é algo impagable, únese o feito de que Marisa Soto foi unha das persoas que con máis convicción pelexaron para que houbese formación, e cando non a había. Ela empeñábase en traer a Galicia a grandes profesionais para que desen cursos, e en implicar as institucións para que colaborasen. Fixo moito por fomentar a formación teatral o dereito da xente a formarse.
– P: Dirixe a Escola de Teatro de Narón desde hai máis de 20 anos. Dela saíron moitos dos actores e actrices máis coñecidos de hoxe. Que a fixo especial?
– FM: Eu penso que, en primeiro lugar, a formulación do Padroado de Cultura de que o teatro é un ben necesario e que a xente ten dereito a velo e a practicalo. Para que se poida practicalo pódese promover o teatro amador ou o adestramento, a formación, para que poida haber un teatro profesional. E iso foi o que se fixo en Narón. Para que a xente puidese ver teatro creouse unha programación teatral estable.
E unha cousa leva á outra: dificilmente se pode soster un teatro profesional se non se crea público, da mesma maneira que non pode haber teatro profesional se non hai teatro amador. Pois ese obxectivo de normalizar a vida teatral xa estaba claro desde que naceu a Escola, no 1981. En Narón a xente sabía que había teatro regularmente, igual que noutros sitios sabe que hai fútbol. (…)”