A Deputación da Coruña diríxese ás asociacións profesionais da cultura para poñer en común medidas para a reactivación do sector

Desde a Deputación da Coruña:
“A área de Cultura da Deputación da Coruña está a promover a modificación de liñas de traballo para adaptalas á situación actual e novas iniciativas encamiñadas a paliar os efectos negativos que o Covid19 vai ocasionar no mundo da cultura. Neste sentido, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, púxose en contacto coas asociacións profesionais do sector para traballar man a man na recuperación despois de rematar o estado de alarma.
O deputado de Cultura, Xurxo Couto, dirixiuse ás asociacións profesionais do sector para transmitir a preocupación pola crise provocada polo Covid19 e ofrecer a colaboración da institución á hora de activar novas medidas que contribúan a paliar os efectos negativos que o confinamento, a crise económica e as medidas que limitan os actos públicos están a provocar nos distintos ámbitos da cultura.
Na carta, Xurxo Couto transmite a “vontade de, na medida do posíbel, axustar as nosas liñas de actuación á crise sanitaria e económica que estamos a vivir co fin de contribuír a paliar as graves consecuencias que está a producir nun sector que depende, en boa medida, da súa difusión en salas e espazos que tiveron que pechar pola pandemia”.
Anuncia tamén á representación dos distintos ámbitos da industria cultural que a Deputación da Coruña está a traballar “na creación de novas iniciativas e na modificación dalgúns programas existentes co fin de responder a unha situación que varía día a día e así continuaremos, co fin de flexibilizar a nosa acción de goberno para ser o máis eficaz e responder da maneira máis acaída ás necesidades e posibilidades dos distintos sectores”.
Entre as primeiras medidas que traslada ás distintas asociacións, destaca a flexibilización das bases da Rede Cultural coa ampliación do prazo de programación por parte dos concellos que se alongará até o primeiro trimestre do 2021 para así manter o orzamento e as actividades da edición anterior. A modificación sae publicada xa no BOP deste 31 de marzo.
Ademais, Xurxo Couto informa de que a área de Cultura da Deputación priorizará a realización dos pagamentos pendentes, garantirá as programacións propias con axustes á situación sanitaria no calendario previsto, e prorrogará o prazo para o desenvolvemento e xustificación das actividades subvencionadas. Campaña de apoio á cultura galega.
Finalmente, o deputado de Cultura ponse a disposición das asociacións para que acheguen propostas e indicacións para que “como sempre fixemos e agora de maneira máis intensa, traballar man a man coas entidades sectoriais para facer fronte a unha pandemia que ten efectos claros na cultura galega”.
Na súa carta, Xurxo Couto anuncia tamén que a Deputación desenvolverá no momento en que sexa máis indicado segundo a situación sanitaria e cando se poida volver á normalidade dos espectáculos ao vivo unha campaña de apoio á cultura galega.”