Cuestionario Proust: Eduard Velasco

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Eduard Velasco:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-A curiosidade e a inquietude.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-O sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Que me descubran novidades. Que me fagan rir. Que poidamos cociñar xuntos.
4.– A súa principal eiva?
-Algo relacionado con non saber que responder a esta pregunta.
5.– A súa ocupación favorita?
-Cambiar de ocupación cando xa cansei da anterior.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Tiven a fortuna de velo realizado e de gozar da felicidade sendo plenamente consciente. O máis importante é que iso descarga os que agora me rodean de calquera responsabilidade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Non ser quen de sobrepoñerme a ela e de seguir adiante cando chegue.
8.– Que lle gustaría ser?
-Querería ter un taller e dedicarme a pintar e a traballar coas mans; como non creo que iso suceda, teño un proxecto alternativo a medio prazo.
9.– En que país desexaría vivir?
-Non vexo que haxa onde ir se non é facendo da propia casa un continente.
10.– A súa cor favorita?
-As cores rubias e azafranadas das terras mediterráneas: entre elas sei que estou na casa.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Quizais a do agave, e non pola beleza, senón polo acontecemento que precede a morte.
12.– O paxaro que prefire?
-Teño simpatía por todos os paxaros, mais gustaríame ter un loro e pasear con el no ombreiro pola rúa.
13.– A súa devoción na prosa?
-A que estea feita coa consciencia de que a literatura se constrúe con palabras e con linguaxe literaria, non con ideas e liñas argumentais.
14.– E na poesía?
-A popular en calquera das súas formas. Ningunha tentativa a vai poder superar nin en graza nin en exactitude nin en oportunidade.
15.- Un libro?
-É o único agasallo que sempre vou agradecer.
16.– Un heroe de ficción?
-Mortadelo, sen o que non se entende a miña educación sentimental.
17.– Unha heroína?
-A Mila da novela Solitud de Víctor Català.
18.– A súa música favorita?
-A das mulleres que están de parto e cantan para incorporaren a dor das contraccións. É unha melodía ancestral que sobrecolle.
19.– Na pintura?
-Luís Seoane, Berta Cáccamo, Santiago Rusiñol, Modest Urgell, Andreu Maimó, Alfredo Salom… E, sobre todo, a dos nenos cando riscan polo pracer do trazo e aínda non concibiron a figuración.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-A miña tataravoa murciana, Rosa Lario García, que fuxiu de Lorca en 1904 con catro fillos pequenos e foi a pé ata Barcelona pedindo polas casas.
21.– O seu nome favorito?
-Calquera topónimo non deturpado de calquera lugar do mundo.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Ser rañas cos cartos e espurrido para a comida.
23.– O que máis odia?
-A preguiza e a falta de curiosidade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Todas as que arestora queren acabar con nós e que, infelizmente, pasarán á historia.
25.– Un feito militar que admire?
-A resistencia dos maquis ou calquera resistencia contra os feitos militares.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Ter boa voz e saber cantar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Dun ataque de hilaridade fatal ou vítima dunha morte absurda (por exemplo, pola caída dun piano na cabeza).
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Seica o optimismo e a alegría.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os provocados pola paixón.
30.– Un lema na súa vida?
-Adoptaría o que un dos personaxes de Palabras de Opoton o Vello lle di ao bo do Opoton e que vai moi ben para coller azos cando un desfalece no traballo material ou intelectual: «—Isto, irmán Opoton, é a miña canoa. Aínda non a teño acabada de todo mais xa queda menos que o día que a comecei a facer.»”