Entrevista de Silvia Penas Estévez a Pura Tejelo, desde Urutau:
“(…) – Urutau (U): A poesía é unha forma de ver o mundo?
– Pura Tejelo (PT): A poesía vén sendo unha forma reflexiva de posicionarse, e non só fronte aos grandes temas, a min, ademais, interésame o mundo normal, o transcorrer dos días, as situacións que se desenvolven no meu entorno e nas que podo intervir como persoa e como cidadá, por suposto. Gústame implicarme, non son feliz se contemplo situacións de abuso ao meu lado.
– U: Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?
– PT: Cada escritor/a debe de formularse antes de poñerse a escribir que é o quere comunicar, para que escribe e para quen, con que motivo. A pregunta debe de proceder dun mesmo cara fóra, non ao revés.
De todas formas a relación que el estableza debe ser respectada, a non ser en casos puntuais nos que se denigre ou haxa unha manipulación explícita.
Cada persoa, ten o nivel de responsabilidade que se adxudica. Un poeta non pode cambiar un curso dun río nin apagar un incendio. Escribo para intervir nos meus pensamentos e compartilos.
Sei que un poema pode ser unha canción, se pode ser canción tamén pode ser un berro. Entón, estamos no inicio dos tempos: letra e música. Daquela, pode ser todo canto ti queiras pensar que pode ser.
Escribo — creo que lin nalgún lugar — , porque me gustaría ler ou oír as cousas que eu sinto. (…)
– U: Este libro, As horas de Hanna, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?
– PT: Hanna e o marco histórico escollido permitíame facer, con maior obviedade, unha serie de críticas a situacións que hoxe en día son aínda moi evidentes: o abuso do Poder, a exhibición da riqueza, o papel secundario da muller, a falta de respecto cara os ritmos da Natureza.
Nun plano máis estético, As Horas de Hanna nacen dunha pintura do Renacemento que me inquietaba dende hai tampo. Adoita ser común partir dun referente fotográfico, unha pintura que te leva a un lugar preciso onde nace a escrita. En concreto, neste caso, foi un cadro de Botticcelli, A Historia de Nastagio. Isto levoume a observación dos códices e como ese mundo engalanado e ao tempo falso facía ostentación do seu poder.
En toda Europa os grandes homes encargaban códices a famosos debuxantes. Nós temos en Galicia valiosos libros miniados. Esas pinturas fermosísimas reflectían unha sociedade perfecta de xentes idealizadas que en realidade non era así. Vin nestas pinturas un reflexo da sociedade contemporánea que vive nun mundo de aparencia.
Hai un trasfondo de guerras, de revoltas campesiñas, de fame. En certas clases altas, a muller, ten acceso á educación e ten presenza no mundo cultural mais eran utilizadas por intereses económicos e de Estado.
Hai un libro de horas, en concreto Les trés riches heures du duc de Berry, que está moi estreitamente ligado ao libro de poemas de Hanna. Algún texto incluso é a reprodución case pictórica dalgunha das súas páxinas pintadas polos irmáns Limburgo. (…)”