Entrevista de Mario Regueira a Irmás Cartoné en Nós Diario:
“Irmás Cartoné é unha editora fundada en 2014 en Compostela por Celia Recarey e Carlos Valdés. Recoñécense como un selo “orgullosamente pequeno”, a pesar de que publicaron autores como Virginia Woolf, Émile Zola, H.G. Wells, Stefan Zweig ou Margaret Atwood. En tempos de pandemia, sinalan a importancia da literatura e deixan en suspenso a venda a través da súa tenda dixital. “Sabemos que todas temos libros por ler na casa e agora o urxente é, por paradóxico que resulte, pararmos”, defenden.
– Nós Diario (ND): Como nace Irmás Cartoné?
– Celia Recarey (CR): Coñecémonos traballando en Madrid sobre o ano 2002. Os dous facíamos un máster de edición e fomos coincidindo tamén nas prácticas e nos primeiros traballos. Comezamos cun experimento sobre formación online e libro de texto pero decidimos saír desa dinámica para facer algo freelance e sempre tivemos en mente montar unha editorial.
– Carlos Valdés (CV): A nosa idea inicial foi cambiando, ao principio tiñamos pensado facer algo de edición infantil, que é un proxecto que aínda está por aí e que pode chegar a aparecer algún día, pero tamén é certo que sempre nos interesara a tradución. Celia é licenciada en Tradución e Interpretación e eu teño unha vinculación familiar co mundo editorial: o meu avó foi un dos socios de Gredos e tamén foi tradutor. A idea deste proxecto vinculado á Galiza veu sobre todo de Celia.
CR: Tiñamos o convencemento da necesidade de contarmos con literatura internacional en galego, algo imprescindíbel para normalizar a lingua. Contamos con moita produción editorial orixinalmente escrita en galego, mais penso que temos a eiva de que a formación literaria dos nosos autores aínda se dá sobre todo en castelán. (…)”