Isabel Mociño: “En tempos coma este ler pode salvarnos”

Entrevista de Tensi Xesteira a Isabel Mociño en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cando xorde esta publicación que fala do libro [Libro obxecto e xénero: estudos ao redor do libro infantil como artefacto] como obxecto e da reivindicación do xénero?
– Isabel Mociño (IM): Comezou en 2016, cando un grupo de investigadoras ao redor da LIX de diferentes universidades españolas e portuguesas nos reunimos na Universidade de Aveiro para reflexionar sobre o álbum ilustrado e a tendencia deste formato pola posta en valor da materialidade. Todas eramos conscientes de que nos últimos anos era cada vez maior a presenza no mercado de formatos arriscados, dun grande investimento nos elementos materiais do libro, de obras onde imaxes e textos configuraban novas formas de ler, ao levarnos a lecturas multimodais e sinestésicas… Aquela primeira reunión deu pé a outra en Huesca e posteriormente en Ourense, onde traballamos ao redor do xénero, porque en moitas ocasións o labor feminino queda nun segundo plano de forma inmerecida.
– ND: Como foi o proceso de coordinación dos diversos artigos?
– IM: O labor de coordinación non é complicado nun grupo ben articulado e comprometido coma este. Houbo algunha demora con respecto á data prevista de publicación, pero estes proxectos colectivos son posíbeis grazas á voluntariedade das persoas. O feito de levarmos anos colaborando e pertencermos a áreas de coñecemento similares facilita moito o proceso de supervisión e corrección.
– ND: Atopamos na obra moitos textos que demostran que o futuro do libro está na súa consideración como obxecto. Que subxace tras esta idea?
– IM: O futuro do libro non sei cal será. Nunha sociedade cambiante e inestábel como a actual todo se reinventa a unha velocidade sorprendente. O que nos permite traballar sobre un sector do libro, como é o libro-obxecto, é observar algunhas tendencias, estratexias, hibridacións, apostas inéditas… Nos traballos non hai certezas extrapolábeis á produción en xeral, pero si nos permiten percibir que existe unha relación directa entre o avance das novas tecnoloxías e o interese por chegar ao novo lector polialfabetizado.
– ND: Nestes estudos do libro como obxecto, as mulleres teñen un papel importantísimo, aínda que ás veces fican na sombra. Que tarefas desenvolven?
– IM: No volume todos os traballos toman como referencia o labor das mulleres ao longo das últimas décadas ou a súa presenza nas obras analizadas. En xeral obsérvase que o labor das mulleres está presente en todos os planos: como escritoras, ilustradoras, deseñadoras, editoras, enxeñeiras do papel… E na maior parte dos casos son figuras con traxectorias polifacéticas e formacións multidisciplinares. (…)”