Xosé Ricardo Losada: “Os ‘non normais’, esa inmensa minoría, foron os que cambiaron o mundo”

Entrevista de Montse Dopico a Xosé Ricardo Losada Vicente en Praza:
“Xeila, unha adolescente intelixente e esperta, comeza a comportarse de forma moi estraña, pasando nunhas semanas da total submisión á máis aberta rebeldía contra os adultos. A súa afiada lingua devólvelles ademais aos pais ou aos profesores un espello de si mesmos que non quixeran ver. Disto vai A casa xunto ao volcán, (Galaxia), o novo libro de Xosé Ricardo Losada. Unha novela de aprendizaxe na que a protagonista decide perderse para, despois, encontrarse. Asumindo que parte da vida é o risco, a incerteza, o valor para saír do camiño familiar e socialmente trazado. Antes de descubrirnos a nós mesmos en vidas atrapadas no que de nós se agardaba, e sentidas como, en boa medida, perdidas.
– Praza (P): A novela está dedicada, entre outras persoas, a Andrea M. de Jesús e Ainara Calo, ex-alumnas súas, que lle deron a idea para esta historia. Pode contar un pouco máis de como nace un personaxe tan peculiar como o de Xeila?
– Xosé Ricardo Losada (XRL): Sempre crin necesario acercar a filosofía a un público cada vez máis amplo. E creo que a mellor (aínda que non única) forma é darlle un carácter narrativo. Na miña experiencia de profesor de Filosofía decateime de que Nietzsche é un autor que entusiasma os alumnos. Cando esas dúas ex-alumnas, que fracasaran no sistema educativo, me mandaron un correo contándome todo o que lle axudaran aquelas clases sobre Nietzsche a levar os malos momentos e a fortalecerse e a acabar superándoos, ocorréuseme a idea de Xeila.
– P: É unha novela de aprendizaxe -de transición á vida adulta- non pensada, seguramente, para adolescentes, mais que podería ser adecuada para eles. Pensou no posible lector/a deste libro, cando o escribía, desta maneira?
– XRL: Se o obxectivo que te marcas é acercar a filosofía á realidade cotiá, non queda outra que pensar no lector. Ese foi un dos grandes retos e a fonte das maiores dificultades na escrita. Quería un libro (e polo que me están comentando, conseguino) que puidese chegar aos adultos, pero tamén aos adolescentes. De aí que me agrade tanto iso que comentas na túa pregunta.
Aínda que a protagonista é unha adolescente que se move nun mundo de adolescentes, case pode dicirse que a novela do que realmente trata é do mundo dos adultos, pais e profesores, fundamentalmente. É nesa interpelación onde se move a novela. Tratándose de Nietzsche non podía ser doutra forma. O adolescente é máis pasado e futuro que presente. E esa é a razón, creo eu, de que a novela poida funcionar cuns e con outros. (…)
– P: Unha das dimensións da (auto)transformación de Xeila é a de xénero. Quere ser unha supermuller, superando o machismo de Nietzsche. E acaba enfrontándose con imposicións sociais como o amor romántico. Nada estraño nunha rapaza de hoxe mais, dalgún xeito, quixeches salientar esta dimensión? (Nese sentido, resulta curioso o contraste co personaxe de Lois, cunha lesbofobia, entre outros defectos, que non parece tanto de hoxe).
– XRL: A elección de Nietzsche como filósofo de referencia tiña moitos problemas. Recordemos que foi filósofo de cabeceira do nazismo. Recordemos que dixo frases realmente terribles sobre a guerra, as minorías, a igualdade e outros valores que hoxe consideramos básicos. Recordemos que moitos aínda cren que a súa filosofía é unha patoloxía.
Recordemos que exhibiu un machismo radical (aínda que sempre escolleu como interlocutoras mulleres intelixentes e con forte personalidade). É evidente que este aspecto tiña que quedar explicitamente superado na novela por Xeila. Pero non só por cuestións de xénero, senón tamén para transmitir a mensaxe de que non temos que aceptar os filósofos en bloque. Todos ofrecen ideas xeniais e ideas estúpidas.
Nun mundo como o actual, no que volven proliferar as persoas que cren que só a súa forma de ver e sentir e vivir o mundo é a correcta, condenando a millóns de persoas á infelicidade en nome dun Deus imaxinario, é obrigado reivindicar, cada vez que se poida, o dereito de todas as persoas maduras a buscar a felicidade e o pracer como lles pete, sempre, por suposto, en consonancia cos desexos, tamén maduros, dos seus interlocutores. Nesta novela non podía faltar, xa que é un fenómeno, como ti dis, moi actual, pero, precisamente por iso, é tamén moi actual o contrario, como comprobamos con frecuencia nos institutos. (…)”