Lara Dopazo Ruibal gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2020

Desde Galaxia:
“A gañadora da cuarta edición do Premio Illa Nova de Narrativa 2020 foi Lara Dopazo Ruibal coa novela O axolote e outros contos de bestas e auga. (…)
O xurado do Premio, composto por Ana Cabaleiro, Armando Requeixo, Antón Riveiro Coello, Antía Yáñez e Malores Villanueva, como secretaria do xurado en representación da Editorial Galaxia, destacou que a obra “é un conxunto de relatos orixinais, diversos e de grande altura estética”.
Ademais, subliñaron que “os textos son suxestivos e abarcan diferentes subxéneros: fantástico, terror psicolóxico, neofabulístico… En todo momento a autora logra dosificar a intriga sen deixar de progresar na narración ata chegar ao clímax final.”
A autora manifesta “un dominio do relato no manexo da tensión e intensión para crear atmosferas envolventes que nos levan a finais abertos, inquietantes e de lecturas múltiples”.
Esta é unha característica que destacan, “pois deixa que a lectora ou o lector constrúa a historia, e por iso se suxiren e deixan intuír camiños coa intención de non demostrar, e si de mostrar vidas das que extraer lecturas”. O xurado manifestou o valioso de introducir ambientacións doutras latitudes alleas á galega, dende a americana ata as paisaxes orientais, e do poder do lendario e simbólico nos textos.
Trátase dunha obra moi suxestiva no formal e na temática detrás da que se atopan tamén moitas lecturas.
O axolote e outros contos de bestas e auga é unha serie de contos que teñen como elemento común o sobrenatural; unha ducia de historias nas que os animais –e outro tipo de bestas– e a auga cobran protagonismo. Contos que combinan o desacougo co humor, o improbable co imposible, o humano e mais o natural superpostos e fundidos nunha colección de historias de prodixios e arrepíos. (…)”