Sara Vila Alonso gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2021

Desde Galaxia:
“A gañadora da quinta edición do Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos convocado pola Editorial Galaxia, en colaboración co Ámbito Cultural de El Corte Inglés, foi Sara Vila Alonso pola novela Oito días sen Eva Cortes.
O xurado, composto por Diego Giráldez, Beatriz García Turnes, Lara Dopazo, Xosé Ricardo Losada, Selina Otero e Malores Villanueva, destacou a súa prosa sólida e o magnífico control do ritmo narrativo dende o inicio. A autora é quen de construír personaxes poliédricos nunha novela que combina tres voces narrativas. Destacan as pasaxes dun caderno que manexa unha narrativa máis lírica e o paso a unha escrita máis xornalística e apegada á realidade.
A autora mostra tamén un gran dominio da lingua e achégase a temas como o sensacionalismo xornalístico, a xenofobia ou a estratificación das redaccións dun xornal.
No día da súa reincorporación tras as vacacións, no medio dunha vaga de calor, á xornalista Antía Ubeira encárganlle cubrir a desaparición dunha moza da súa cidade, Pontevella. O que nun principio semella unha ausencia voluntaria froito dunha fin de semana de festa, comeza a prolongarse e a preocupar ao entorno da rapaza, Eva Cortes.
Antía Ubeira, malia a desidia e o escepticismo cara á utilidade da súa profesión, implícase cada vez máis no caso. Os descubrimentos arredor da vida de Eva farán reflexionar á xornalista sobre a súa propia felicidade, as súas expectativas, os seus desexos e obsesións.
A novela repasa asuntos que atravesan a todas as mulleres, como o desexo (ou non) de ser nai, o poder sobre o propio corpo, a independencia económica, o pracer ou a liberdade. Pero tamén sobre o medo que produce a certeza de saber que calquera de nós podería ser a muller desaparecida que protagoniza horas de tertulias televisivas e páxinas de xornais.
Oito días sen Eva Cortes impúxose por unanimidade ás demais obras presentadas pola súa solvencia narrativa, pola historia que atrapa dende o primeiro capítulo e polo tratamento de moitos temas de plena actualidade dende o cuestionamento.”

Lara Dopazo Ruibal gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2020

Desde Galaxia:
“A gañadora da cuarta edición do Premio Illa Nova de Narrativa 2020 foi Lara Dopazo Ruibal coa novela O axolote e outros contos de bestas e auga. (…)
O xurado do Premio, composto por Ana Cabaleiro, Armando Requeixo, Antón Riveiro Coello, Antía Yáñez e Malores Villanueva, como secretaria do xurado en representación da Editorial Galaxia, destacou que a obra “é un conxunto de relatos orixinais, diversos e de grande altura estética”.
Ademais, subliñaron que “os textos son suxestivos e abarcan diferentes subxéneros: fantástico, terror psicolóxico, neofabulístico… En todo momento a autora logra dosificar a intriga sen deixar de progresar na narración ata chegar ao clímax final.”
A autora manifesta “un dominio do relato no manexo da tensión e intensión para crear atmosferas envolventes que nos levan a finais abertos, inquietantes e de lecturas múltiples”.
Esta é unha característica que destacan, “pois deixa que a lectora ou o lector constrúa a historia, e por iso se suxiren e deixan intuír camiños coa intención de non demostrar, e si de mostrar vidas das que extraer lecturas”. O xurado manifestou o valioso de introducir ambientacións doutras latitudes alleas á galega, dende a americana ata as paisaxes orientais, e do poder do lendario e simbólico nos textos.
Trátase dunha obra moi suxestiva no formal e na temática detrás da que se atopan tamén moitas lecturas.
O axolote e outros contos de bestas e auga é unha serie de contos que teñen como elemento común o sobrenatural; unha ducia de historias nas que os animais –e outro tipo de bestas– e a auga cobran protagonismo. Contos que combinan o desacougo co humor, o improbable co imposible, o humano e mais o natural superpostos e fundidos nunha colección de historias de prodixios e arrepíos. (…)”

A noite do lobo, de Abel Tomé, gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2019

Desde Galaxia:
“O 4 de maio na Fundación Barrié de Vigo (Policarpo Sanz, 31) entregouse o Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos convocado pola Editorial Galaxia.
O gañador desta terceira edición foi Abel Tomé coa novela A noite do lobo. A obra desenvólvese nunha época remota no acervo galaico portugués pero conta con referencias actuais e remniscencias a David Lynch, a Mary Shelley e incluso a Cortázar. O relato, protagonizado por un atípico cazador de lobos, é unha defensa do patrimonio natural no que tamén destaca a forza do pobo contra o poder e a perspectiva anticolonial. O xurado, composto pola lectora Paz Raña Lama, a escritora Iolanda Zúñiga e a xornalista Ana González Liste, valorou que nesta novela “o autor emprega unha prosa dinámica, contida, na que nada sobra e coa que logra construír imaxes contundentes”. Ademáis, subliñan que “o dominio da lingua e a escolla dos topónimos e antopónimos colaboran, sen dúbida, a engrandecer a ficción”.
Antía Yáñez, gañadora da pasada edición, fixo entrega a Abel Tomé dos 3.000 euros cos que está dotado o premio e a escultura da novísima artista Marta Lorenzo. A escultura, ao igual que os anos anteriores, está inspirada na onda que debuxou Xaime Isla Couto para as portadas dos libros da colección Illa Nova, e que está presente tamén no logo do premio. A música púxoa Su Garrido Pombo, cantante e compositora galega radicada en Vigo, que interpretou temas baseados en poemas de Ana Romaní ou Iolanda Zúñiga. (…)
A Editorial Galaxia contou nesta edición coa colaboración de Ámbito Cultural de El Corte Inglés e a Fundación Barrié. O acto tamén contou coa presenza de representantes políticos de todas as forzas políticas e numerosos escritores, xente de cultura e moita xente nova que quixeron apoiar coa súa presenza este certame.
A mantedora do acto foi Malores Villanueva (Editora da Editorial Galaxia) e tiveron breves intervencións Francisco Castro (Director Xeral da Editorial Galaxia) e Antón Vidal (Presidente da Editorial Galaxia), así como Antía Yáñez e o propio gañador.”