Entrevista de Armando Requeixo a Carlos Labraña no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
– Carlos Labraña (CL): O que marca fundamentalmente a miña forma de escribir é o TDAH, que me impide concentrarme durante moito tempo diante do papel ou da pantalla de ordenador. Así que, penso dabondo, maduro as ideas e logo ando a escribir a cachos, onde me cadre. (…)
– AR: Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– CL: Bótase en falta que non haxa case escritores profesionais que poidan vivir do seu traballo, o que é mágoa cando se está demostrando, ano tras ano, a calidade innegable da nosa literatura. Como as nosas letras aínda teñen moitas eivas, xa falaremos do que lles sobra cando a situación estea moito mellor. (…)
– AR: Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CL: Eu resumiríao nunha palabra: bipolar. Estamos ante unha explosión de todos os xéneros da nosa literatura que se reflicte na publicación de libros con grande éxito literario, incluso fóra do noso país, á vez que existe unha gran desconexión cunha parte importante da sociedade galega. Penso que mellorar esa relación é a dirección na que temos que traballar. (…)”