Estíbaliz Espinosa: “Algún día veremos esta sobredose de publicacións como un esforzo anti-sostible”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Estíbaliz Espinosa en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Escribirá as súas memorias?
– Estíbaliz Espinosa (EE): Ditareinas. Será un audiolibro e musical, algo que polo que devezo hai anos [pero non coas miñas memorias, nin que estivese empoleiradamente tola].
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– EE: Virginia Woolf vén por aí con pinta de sospeitosa.
Borges faise o sueco. Cortázar asubía unha de Ella Fitzgerald.
Walt Whitman fai que corta un tronco de costas a nós.
O que nos fai burla é Shakespeare. Protagonizara Domando a furia no cole aos 9 anos e deixoume cicatriz na lingua.
Na infancia, Gloria Fuertes e Joan Manuel Gisbert. Logo veu Carmen Martín Gaite.
E de que escriba en galego, Cunqueiro e Pilar Pallarés.
Hai esa cousa tan cunqueirá de traer os clásicos -Hamlets, Ofelias, Merlíns, Wagners- e poñelos a pasear por rías e carballeiras, mais tamén é inspiradora a idea do galego na Lúa. Da galega, en concreto. (…)”