Entrevista de Lecturafilia a Isaac Xubín:
“(…) – Lecturafilia (L): Como te fixeches tradutor?
– Isaac Xubín (IX): Convertinme en tradutor de literatura por casualidade. A miña única intención ao marchar ao País Vasco era, dalgún xeito que agora non sabería explicar xa, completar a miña formación académica e vivir no ambiente dunha lingua que non fose románica, algo que fose o oposto a estudar unha lingua coma o galego que ten o abraiante paraugas do latín por riba dela. Foi co paso do tempo, e creo que grazas á miña faceta como creador, que me convertín en tradutor. (…)
– L: Como afrontas a tradución dun libro? En que momento comeza o teu traballo?
– IX: Polo xeral comeza cando un editor me ofrece un proxecto. Ás veces son eu quen ofrezo a idea de traducir un libro concreto que, en poucas ocasións e grazas á confianza de editores resoltos, viron a luz en galego. Por desgraza algúns editores só confían na aprobación da metrópole e até que non ven a crítica nun suplemento cultural de Madrid non confían na viabilidade dunha obra. (…)
– L: Amais de tradutor, tamén escribes poesía e novela. Que significan para ti as linguas? Como xorde o proceso de creación?
– IX: Gústame que inclúas na mesma pregunta o rol das linguas na miña identidade e o proceso de creación. Para min están vencellados completamente. Antes de comezar a falar galego escribía en galego para practicar, a miña man soubo antes do costume da lingua galega ca a miña boca. Se cadra é difícil velo pero creo que un ollo atento pode reparar en que, no que atinxe á miña faceta como creador, as miñas traducións e as miñas obras de creación son parte dun mesmo proxecto e que, dun xeito ou doutro, se alimentan as unhas ás outras. (…)”