A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do profesor, escritor e poeta Xosé Manuel Millán Otero, membro desta entidade

Xosé Manuel Millán Otero, profesor, escritor, poeta e ex alcalde nacionalista de Moaña, finou na tarde desta quinta feira, 29 de outubro, nun centro hospitalario de Vigo. Nado na parroquia de Beluso, Bueu, en 1964, foi profesor de Lingua e Literatura Galega en Moaña. Foi autor de diversos estudos e edicións críticas de escritores de preguerra (Ramón Cabanillas, Vicente Risco…) e actuais, como Bernardino Graña. Participou tamén en obras colectivas como a Historia da Literatura Galega (1996), editada por A Nosa Terra / AS-PG e Literatura galega. Século XX (A Nosa Terra, 2001).
Como poeta publicou Este é o tempo do sal (Accésit do Premio Esquío, 1991), As palabras no espello (Ed. Do Castro, 1995), esta última galardoada co VII Premio Eusebio Lorenzo Baleirón  e As cinzas de Pasolini (2018, Editorial Toxosoutos).

Aquí poden verse as entrevistas e obra recitada polo autor dispoñíbeis no Centro de Documentación da AELG.

Lembramos, igualmente, este fragmento do seu poemario As palabras no espello:

“E serás canto ames
canto devoren
os teus pasos en léguas e paisaxes
todo o mar que cabe na cunca das tuas mans estreitas
só aquel que cómpre
para fabricar icária e alagar tantos continentes

Serás a tua culpa e o teu desexo
porque só ti es quen para medir
os ferrados de tristeza que agocha a pel dun home
para escribir coas mesmas letras do amor a amargura
e pór a encrucillada onde morren os camiños”