Presentación dos XL Cadernos Ramón Piñeiro. Estudos arredor de Ricardo Carvalho Calero

Desde a Xunta de Galicia:
“O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou o 12 de novembro xunto ao presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, na presentación dos XL Cadernos Ramón Piñeiro. Estudos arredor de Ricardo Carvalho Calero, unha publicación que conta coa colaboración de 19 expertos que, a través dunha vintena de artigos, debullan a vida e obra do autor homenaxeado nas Letras Galegas. (…)
A publicación presentada supón o volume número 40 dos Cadernos Ramón Piñeiro, un facsímile que ano tras ano ofrece documentos espistolares inéditos, semblanzas ou análises da obra dos autores máis relevantes da literatura galega contemporánea. No caso do último exemplar, a publicación pon en valor a traxectoria do autor como poeta, ensaísta, crítico e estudoso a través dunha vintena de artigos que, tal e como afirmou o conselleiro de Cultura e Educación, “deixan patente, unha vez máis, o acerto da Real Academia Galega ao escoller a figura homenaxeada nas Letras”.
“Estas páxinas recollen a traxectoria de Carvalho Calero, un traballador incansable que recolleu da Xeración Nós o imperioso deber de crear para sempre a cultura galega e que o asumiu como propio sendo un adolescente”, subliñou Román Rodríguez. Así, o conselleiro referiuse a Carvalho Calero como “unha das mentes máis brillantes e activas da súa xeración” capaz de destacar tanto no mundo da cultura desde moi novo, como de abrir novos camiños no ámbito educativo onde, entre outras cousas, se converteu no primeiro catedrático de Lingüística e literatura galega da Universidade de Santiago.”