“Suso de Toro: A historia rescatada”

Entrevista a Suso de Toro en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): A memoria xa estaba en Home sen nome e en Sete palabras indagaba na historia da súa familia. Un señor elegante supón, niso, unha continuidade…
– Suso de Toro (ST): Tamén na miña novela anterior, Fóra de si, un home reconstrúe a súa propia historia. Debe haber algo en min que explique que a miña imaxinación se dispare cara a atrás. No caso de Un señor elegante son historias persoais, pero tamén é a historia colectiva. O que fago é interrogar moito o personaxe de Ramón Baltar para reconstruír unha historia que non existe. A familia tiña unha memoria fragmentaria, pero non unha historia elaborada. Teño, ademais, interese en que este libro se lea. Penso que é importante para o país coñecer a historia dos Baltar. Porque axuda a mudar a percepción dominante do noso pasado.
– ND: Di iso porque é unha familia burguesa republicana e galeguista?
– ST: Traducido a categorías sociais sería iso, si. Son persoas dignas, optimistas, alegres, comprometidas co país. Non é unha historia triste. O triste é a historia de España e o que lle aconteceu á Galiza. A familia foi castigada, mais tivo a fortuna e a capacidade de atravesar todo aquilo e resistir. É unha historia chea de incidencias, algunhas moi divertidas.
– ND: Fixo un traballo de investigación importante. Como foi o proceso?
– ST: Foi distinto porque non o fixen eu só. Fíxeno dialogando cos fillos de Ramón, con tres dos seus fillos e unha das súas fillas. E ademais fixen algo que nunca fixera, que foi pedirlle axuda coa documentación á miña compañeira. Eu estaba escribindo outra novela e, para pedir seguir adiante con este proxecto, precisaba a súa axuda. Ramón chegou a ser tan familiar para min que me identifico moito con el… (…)”