Manuel Rivas: “O gran negocio hoxe en día é a fabricación posindustrial da mentira”

Entrevista a Manuel Rivas en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): O libro [Zona a Defender] érguese desde o comezo, co manifesto, sobre unha vontade de rebautizar conceptos ou resignificar verbas que perderon a carga de outrora. Máis adiante afirma: “É hora de liberar as palabras para limpar o medo”. Vivimos nun tempo de linguaxe baleirada?
– Manuel Rivas (MR): Vivimos un tempo en que a linguaxe é unha Zona a Defender, porque sofre unha corrosión, igual que acontece coa natureza. Facendo un paralelismo, hai cantidade de pesticidas que están afectando ás palabras, igual que aos vagalumes, aos cabaliños do demo ou ás xoaniñas.
Hai unha especie de fumigación que atemoriza as palabras, unha caza para subtraerlles o sentido e cambiárllelo. Unha palabra sagrada como liberdade refulxe con esa condición de vagalume incesante, semellaba ter o efecto dun esconxuro. Mais vemos como dun modo masivo, moi organizado, utilízase para o contrario do que significa, para volvernos máis servos.
Hai tempo léralle a [George] Orwell unha cousa moi inquietante: que se cadra o vindeiro fascismo viría abaneando a bandeira da liberdade. Este pensamento resultábame paradoxal ou imposíbel, pola idea que eu tiña da palabra. Pero agora vexo como se emprega polo “fascismo de segunda man”. Por iso tamén a linguaxe é unha Zona a Defender. O primeiro traballo na literatura, no pensamento ou no xornalismo é facer ecoloxía das palabras, que teñan unha reexistencia.
– ND: Falando de ecoloxía, faise fincapé na “tapadeira” de termos como “crecemento sostíbel” ou “transición ecolóxica”. Que agochan eses eufemismos?
– MR: Nesta época utilízanse moito conceptos aos que se lles subtrae o sentido. Vemos como algúns que na súa orixe significan o que din sofren un proceso de apropiación no que se converten en slogans de márketing. A partir do traballo honesto de moita xente, na loita ecoloxista, por exemplo, xéranse alternativas, a linguaxe vai abrindo pasos.
Porén, tamén hai un proceso de expropiación dese sentido para envolver unha mercadoría falsa. É como ese dito de que o diñeiro falso sempre se pegha ao verdadeiro, para pasar desapercibido. As grandes compañías enerxéticas, que non son precisamente modelo de respecto aos recursos -andan a facer auténticas falcatruadas- basean toda a súa imaxe a través da publicidade en conceptos contrarios á súa práctica. É algo que está a pasar na ecoloxía e en moitos outros eidos, porque o primeiro gran negocio hoxe en día é a fabricación industrial, ou postindustrial, da mentira, cuxa plusvalía vai unida á do odio.
– ND: Ao longo do libro, como na súa narrativa, estabelécense moitos paralelismos coa natureza e as condutas dos animais para reflexionar sobre a sociedade. Parte isto dunha vontade de reinserir o humano, coa oposición dicotómica do cultural, nesa dimensión natural?
– MR: Si, iso é algo que está presente desde que comecei a escribir (“Negra terra” se chamou o primeiro poema). Vivimos nunha especie de excisión absurda entre a natureza e a cultura. É asombroso ver como ao longo de séculos hai unha carreira para esgazar o ser humano, como se fósemos alleos á propia terra, coa condición de superiores, sempre acompañado desa idea supremacista que aparece en todas as definicións. A rachar con isto axuda a tradición cultural galega, sobre todo cando se dá ese entrelazado de cultura e natureza.”