Desde Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): Que nos pode contar de Os Estados e Imperios do Sol, de Cyrano de Bergerac? Porque non é a primeira vez que traduce este autor…
– Henrique Harguindey (HH): Traducín anteriormente a que se considera a primeira parte de Os Estados e Imperios do Sol, que é Os Estados e Imperios da Lúa. As dúas son obras publicadas de modo póstumo e, así como na primeira obra houbera unha versión que circulara pero que se atopou moito despois, a finais do século XIX achouse un manuscrito que non correspondía exactamente co que fora publicado postumamente. Por que? Porque fora censurada e suavizada en todos os ataques que dirixía, moi ironicamente, contra o poder, contra a Igrexa…
Hoxe podemos ter unha idea moito máis aproximada de como escribiu realmente Cyrano. En cambio coa segunda parte non houbo ningunha outra versión, só temos a publicada e non hai unha referencia distinta. Entre as dúas obras hai certa analoxía, por iso se considera a segunda parte, pero non só son dous territorios distintos, a Lúa e o Sol, senón que tamén hai diferenzas importantes de estilo: mentres a primeira é unha exposición de teorías físicas e filosóficas, a do Sol é unha historia máis alegórica e moito máis traballada desde o punto de vista estilístico.
– ND: A pesar das desaparicións e das diferenzas entre as obras, non hai dúbidas da autoría…
– HH: Está certificada a autoría, por suposto. Antes sabíase que escribira unha viaxe á Lúa pero só había unha idea aproximada. Houbo unha cuestión un pouco rechamante. Cyrano, no século XVII, quedou un pouco na memoria e coñecíanse algunhas outras obras, estas non. El é barroco, non só para o estilo, que o é, e ás veces moi complicado, senón tamén polo tipo de temáticas, son obras de enxeño, de construción literaria moi determinada, moi cargadas de estilo. A finais do XIX Edmond Rostand escribe unha obra de teatro, Cyrano de Bergerac, que é a que fixo coñecer en todo o mundo o autor. Temos até as versións cinematográficas. Esa é a imaxe transmitida, pero aí hai parte de verdade e parte de literatura, de creación.
Rostand fixo unha obra de teatro magnífica, non unha obra biográfica, senón que a personaxe aparece, en certos aspectos, deturpada, primeiro porque é unha personaxe literaria e segundo porque naquela época aínda non se coñecían moitas cousas de Cyrano. Mais o que se nos transmitiu tivo, se se quere, unha pequena carga negativa porque non era o Cyrano auténtico, pero ao mesmo tempo posuíu a virtude de espallar moitísimo e grandemente a biografía de Cyrano, de maneira que se hoxe podemos falar de moitas cousas é grazas á obra de Rostand.
– ND: Volvendo á obra, estamos a falar de ciencia ficción?
– HH: Cyrano, durante moito tempo e aínda agora, é considerado precursor da ciencia ficción. El realmente non escribiu como tal, aínda que hai ficción e tamén hai ciencia, porque manexa realidade científica, o que pasa é que se trata dunha crítica social e política. Viaxaba a outro mundo para reflectir a contra deste, cousas que aparecían alí, moi chocantes, como podía ser a negación da existencia de Deus… era posíbel escribilas porque o facía alí e en personaxes que logo, ademais, trataba de desmentir ou aparecían como tolas, pero saían, que é o importante. Había personaxes que defendían verdades que se se defendían directamente supuñan a fogueira. (…)”