Afonso Ribas, de Laiovento: “Os que non aceptaban a normativa da RAG eran perseguidos con saña”

Entrevista a Afonso Ribas en Galicia Confidencial:
“O sector editorial de Galicia pechou o ano 2020 nun delicado equilibrio financeiro pola situación pandémica vivida dende marzo. Aínda que non todo son sombras no eido, as principais casas galegas recoñecen que o ano entrante –cando menos ata a chegada da inmunidade de grupo– promete ser tan duro como o que queda atrás, marcado por un descenso histórico na facturación.
Neste contexto, un dos principais prelos do país vén de reivindicar o seu papel no sector e a sociedade aproveitando a efeméride do seu nacemento. Trátase da editora Laiovento, que en realidade naceu no ano 1990 pero, como explica o seu coordinador Afonso Ribas, non publicou ata marzo do 91. Prosas de combate e maldizer, de Xosé Manuel Beiras -cofundador, por outro lado, da editora- iniciaría así un catálogo de case 500 obras sobre as que hoxe os responsables botan a vista atrás con satisfacción.
Laiovento nace nunha circunstancia de cambio no seo da literatura galega e cun obxectivo claro: apoiar a “construción do país” con todos os medios ao seu alcance. “Procuramos non desviarnos nunca dese obxectivo inicial”, explica Ribas. Tres décadas despois, a editora pode presumir de ter sido pioneira na exploración das marxes do sistema literario: dende o comezo naceu enfocada a aqueles xéneros con menor aceptación no sistema –ensaio e teatro–, que o seu editor segue a considerar “centrais” para esa construción nacional.
Ribas, que evita tratar de “negocio” o facer editorial, subliña o carácter à rebours que, dende os primeiros pasos, tomou a editora. Moito antes de que a AGAL fose recoñecida oficialmente como editora, Laiovento xa daba cabida aos autores que renegaban da normativa hoxe imperante. “Naquel momento, todo o que non fora escrito na normativa ILG-RAG non tiña onde ser publicado. Os que non a aceptaban eran marxinados con saña”, explica Ribas.
Baixo esta premisa a contrapelo, a editora fixo do xénero ensaístico a súa punta de lanza. En palabras do seu coordinador, a importancia do ensaio en Laiovento vén definido polo papel do xénero á hora “de facer pensar sobre o país, de reflexionar sobre o que fomos, o que somos e o que queremos ser”. Tamén por isto destacan no seu catálogo histórico ducias de obras de autores estranxeiros, que, moito antes do nacemento de iniciativas como Hugin e Munin, eran traducidas ao galego por Laiovento. “Non nos podemos illar”, explica a este respecto Ribas.
Xunto co ensaio, o xénero dramático conforma outro dos pés sobre os que se asenta o facer de Laiovento. Para o seu coordinador, o papel do teatro na construción nacional non ten lugar a dúbidas. “Como di Xesús Pisón, sen teatro non hai nación, hai rabaño”, subliña. Ribas destaca o cariz “directo” na relación entre público e obra que se dá no teatro. “Polo seu carácter subversivo, ao poder non lle interesa o teatro. Por iso o Centro Dramático Galego estivo moitos anos en mans de Pilatos”.”