Desde Nós Diario:
“(…) Arredor da súa calidade literaria non hai sombras; arredor do seu posicionameto feminista non hai dúbidas no Estado español, mais esta última cuestión confronta na Galiza distintas visións, recollidas por Nós Diario, que se extraen do posicionamento feminista e da figura política e social de Emilia Pardo Bazán no contexto galego. A autora, que se autodefiniu como feminista radical, como ben lembran a escritora Marilar Aleixandre e a filóloga Mónica Bar, tamén estivo marcada por un posicionamento “clasista” que “compromete gravemente o seu feminismo”, segundo a política e profesora María Pilar García Negro, ou que “ocupa as voces das traballadoras galegas cun efecto máis cómico que empoderador”, na voz da tamén filóloga Helena Miguélez-Carballeira. (…)
“Foi unha grande escritora sobre a emigración galega, e a súa calidade literaria está claro que é altísima mais na calidade política a tese que sosteño é que tratou literariamente cuestións relacionadas coa Galiza encadrándoa cara a un consumo literario madrileño”, analiza Miguélez-Carballeira. Algo no que incide García Negro, ao lembrar que en “personaxes galegas, en Los pazos de Ulloa, La madre naturaleza, Morriña ou Bucólica, o tratamento das personaxes campesiñas ou criadas non teñen o menor contraste que nos permita asistir a unha figura humana con pensamentos e sentimentos propios”.
Fronte a estes, o argumento de Mónica Bar precisa que “o que non atopaba Pardo Bazán era unha lingua estruturada a través dunha academia definida, ela era europeísta e iberista, defendía que Galiza e Portugal estaban separados por unha fronteira artificial”. E engade que “ela ofrece a súa casa para crear a Real Academia Galega, propiciou o inicio da RAG”. Sobre o cuestionamento de “por que non escribía en galego”, Bar recalca que non é un requerimento que se lle faga aos autores masculinos, cuestión na que coinciden as catro intelectuais, mais García Negro engade, “ela foi vítima de toda unha mesta base de misoxinia e sexismo que a afectou, como en xeral, a todas as escritoras galegas e españolas no século XIX”. (…)”