Entrevista de Montse Dopico a Agustín Agra en Praza:
“(…) – Praza (P): No fondo [de Silencio] está a fascinación humana polo coñecemento, a necesidade de comprender e de obter respostas sobre quen somos…
– Agustín Agra (AA): Tentarei explicalo. Teño un fillo de dez anos e redescubrín por el a fascinación humana polo coñecemento, polo descubrimento do mundo. Recordei a miña infancia e redescubrín o noso interese por coñecer, que co tempo vaise deturpando. Ao mesmo tempo, son profesor e moitas veces custa moito traballo centrar a atención do alumnado no que nós consideramos importante. Despois tamén está a curiosidade humana no sentido de que nos levou ata aquí: quen somos e como chegamos aquí desde o punto de vista científico, cultural, humano… Desde a nosa diversidade de intereses. Son preguntas que te fas a ti mesmo e que tentas responder. E materialízalo en persoas que se adicaron á ciencia, a metade das cales son mulleres, aínda que parece que desaparecesen da Historia…
– P: Falas de dúas, unha xornalista e Marie-Anne Lavoisier.
– AA: Si, o papel das mulleres na ciencia está exemplificado nestes dous relatos. Marie-Anne Lavoisier era a muller de Antoine Lavoisier e non sabemos moi ben cal foi a súa achega á fundación da química como disciplina científica. Como pasou con tantas outras mulleres da ciencia. Neste relato ela adquire protagonismo ao final, pero iso non era peso suficiente, por iso tamén está o primeiro relato, sobre a xornalista. Que pode que nun principio non pareza que pegue moito cos outros, pero di o mesmo de forma metafórica. Un autor ten que estar sempre coa mesma temática? Ela é unha fotógrafa que está xa no cumio da súa carreira. E por que se perde? Porque segue facéndose preguntas, segue buscando…
– P: En Omphalos están Isaac Newton, Nicolás Copérnico e Tycho Brahe. E a Igrexa de fronte…
– AA: De fondo están a teoría heliocéntrica e a xeocéntrica, que supoñen tamén a diferenza entre se o humano é ou non o centro do universo. E a curiosidade humana: os cambios e as reticencias ante eles, ante a aceptación do cambio.
– P: E as relacións de poder implicadas…
– AA: Claro, porque a humanidade ten a súa propia pirámide trófica. Hai clases, en todos os campos. O profesional por exemplo. No libro hai, nese sentido, unha reivindicación da liberdade de pensamento, do papel das mulleres na ciencia e, en xeral, unha protesta contra todo tipo de imposturas e de imposicións, de dogmatismos. Pídese silencio no bo sentido, no de dicir as cousas con criterio, con argumentos. A ciencia, ademais, non é estática. As nosas opinións cambian a medida que medramos e vamos tendo máis información.
– P: O libro fala moito, si, de cambio…
– AA: Porque tamén nos construímos desde aí. Pódese dicir, por exemplo, que as matemáticas son as únicas ciencias puras, onde dous máis dous son catro. E si, pero non é tan simple. Por poñer exemplos extremos para que se entenda, a metade de un ser vivo non é 0,5, é cero, porque non é un ser vivo. Un óvulo e un espermatozoide son dous que forman un, unha célula nova. A ciencia cambia, as teorías mudan. A ciencia non é estática. Non hai nada definitivo. As leis non son unha especie de sentenza final. As leis da ciencia cambian, como as leis do Dereito. (…)”