Desde Radiofusión:
“Edicións Xerais vén de reeditar o libro de Xurxo Souto O retorno dos homes mariños de 1999, vinte anos despois. Unha ocasión perfecta para falarmos de historias do mar recollidas neste libro e noutros como Contos do mar de Irlanda e o último A gran travesía de Chiruca Macallás. Para falarmos con el das personaxes que manteñen vivas esas historias, entre reais e mitolóxicas, que logo el verque no seu quefacer musical, radiofónico ou literario. Os seus informadores xorden por todas partes, mesmo en Fene, de onde saíu a historia de Cociña, o seu acordeón e o azafrán que escondeu dentro del mentres navegaba e cantaba en pleno océano Atlántico, rumbo á Arxentina.
Xurxo Souto sabe tanto do mar que o converteu na súa obsesión literaria desde que publicara O retorno dos homes mariños hai vinte anos, a súa obra iniciática. Explica o autor coruñés que na escola nunca nos falaron do mar e iso que vivimos onde vivimos, rodeados de mar. Como dixo Steffan Morling: “Non vivimos na fin da terra. Nós vivimos no centro do mar”. A tradición oral sobre o mar é inmensa, e queda moito por contar. Xurso Souto aproveitou o regalo de tempo que lle deixou a pandemia para seguir indagando nestas historias a cabalo entre o real e o mítico, tal e como ocorreron, ou como nos contan que ocorreron. Despedímolo co berro Medre o mar!.
A entrevista pode escoitarse aquí.”