Desde Nós Diario:
“A novela, co título Non te amola!, é unha “biografía emocional dunha infancia que se proxecta, vizosa, cara aos nosos días e que descobre unha ollada descoñecida da autora e unha narrativa impoñente”, sinalan desde a editorial.
Este libro de Xela Arias está ilustrado por Luz Beloso (Monforte de Lemos, 1968), que co seu traballo “axuda a entender como foi a infancia da autora e os marabillosos acontecementos que, desde a súa ollada infantil, sucederon e como ela os conta”, engaden.
Beloso é licenciada en Belas Artes, na especialidade de pintura, pola Universidade de Salamanca. Exerceu de profesora de Educación Plástica e Audiovisual na Galiza desde 1993 no IES As Barxas de Moaña e, desde 2019, como profesora de Artes no IES María Soliña de Cangas. (…)
A nova de facer a ilustración do libro inédito de Xela Arias chega á ilustradora Luz Beloso “da man de Francisco Castro, director da Editorial Galaxia, cunha chamada repleta de ilusión e que para min foi un auténtico agasallo”, relata a ilustradora en conversa con Nós Diario.
Non te amola! é unha obra narrativa que a escritora viguesa realiza con 30 anos, baseada en relatos inspirados na súa infancia e que conta desde a perspectiva dunha nena de nove anos. Esta lembra a súa infancia en Sarria e o seu traslado a Lugo cuns relatos dirixidos a un público infantil, “mais dos que tamén fan gozar os maiores de calquera idade”.
Á hora de realizar a investigación para o traballo, a inspiración da ilustradora “foi particularmente emocionante, xa que a miña infancia tamén transcorreu en Sarria e desde o punto de vista visual hai detalles dalgúns lugares como o da capa, cuxo fondo é “Chanto”, un espazo de lecer que todo cativo e cativa do lugar coñece; ou as gardas, que son os arredores da escola da Granxa de Barreiros, en Ortoá”.
Alén disto, como traballo de documentación sobre a poeta, Luz Beloso encontrou moita información gráfica na rede. “Fun atopando desde fotos familiares de Xela Arias na granxa cos seus pais e mesmo espazos que a propia escritora habitou na infancia do libro”, indica a ilustradora.
Con esta información e “desde o meu propio estilo e coherencia co meu traballo”, Beloso ilustra de modo “colorista, agarimoso e divertido” o libro Non te amola!” .
As súas técnicas para esta publicación levan a que “o trazo do lapis de cor sexa o protagonista, intentando que non se perda o xesto nin a frescura no traballo”.
Para a escolla destas técnicas, Beloso baseouse nos “referentes que me marcaron ao longo da miña vida, tanto en pintura como en ilustración”. As ilustracións de Rébecca Dautremer, Ana Juan ou a pintura de Odilon Redon son exemplos “dun sen fin de artistas contemporáneas que grazas ás redes podemos gozar da súa obra”.
“O marabilloso de ilustrar é que nunca deixas de aprender, cada novo libro é un novo reto”, apunta a ilustradora.
Para Beloso o libro Non te amola! “é unha obra persoal e divertida, chea de aventuras, entrelazada por varios relatos dunha infancia próxima e familiar que mostran unha Xela Arias nena, onde a escritura e os libros teñen un papel protagonista na súa vida. Unha escritora feminista que apunta xa intencións e que está decidida a escribir un libro fresco, divertido e emocionante”, valora.
A ilustradora considera que a escritora de Tigres coma cabalos é “un referente no mundo editorial e da poesía, unha voz única, valente, comprometida, conmovedora, renovadora, feminista e transformadora neste mundo que tanto precisa da súa voz e da súa poesía”.
Por iso, Luz Beloso anima o público para “afondar no traballo de Xela Arias”.”