Entrevista a Xurxo Souto en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Máis de vinte anos pasaron xa desde a publicación da novela [O retorno dos homes mariños], por que a reeditan agora?
– Xurxo Souto (XS): Para min é un soño e unha celebración de vinte anos de literatura. Teño esa sensación tan alucinante de que, no seu momento, contei o que quería contar. Quería contar o mar. Eu nacín nesta cidade barco e ninguén me falaba do mar. Eu son da rúa da Torre, en Monte Alto. Cada noite vía como entraban pola casa os catro golpes de luz da Torre de Hércules e escoitaba o mar. Na Coruña, cando para o ruído dos seres humanos e dos coches, escóitase o mar. Na Coruña di Orzán, Orzán, en Vigo, Berbés, Berbés. É un problema de educación e é un desacougo da miña xeración. Nacemos nesta cidade, aínda que os nosos pais viñeron da aldea. Somos radicalmente coruñeses e ninguén nos falaba do mar, estando aí.
– LO: E cando o descobre e decide facer esta novela e falar del?
– XS: Encontreime, xa grandiño, cun texto de Jerónimo del Hoyo, cóengo da catedral de Santiago, que no século XVII falaba cos mariñeiros da Pescadería que lle contaban que había uns seres míticos coruñeses, únicos, os homes mariños. Como podía ser que eu non soubese iso? Eu pensei que sería porque non sabiamos nada do mar e por iso escribín este libro, con toda a humildade, falando do reencontro da miña xeración, da xente dos barrios, co mar, desde o punto de vista mítico dos homes mariños, pero tamén desde o punto de vista dese mar do que ninguén nos fala e se mete nas nosas vidas en forma de petroleiros. A Coruña é unha cidade marabillosa, é tamén unha cidade punky. Eu teño un recordo sendo rapaz de ver a choiva negra, era o Urkiola, despois, vimos arder o mar, co Mar Egeo. Pensabamos que non podiamos ver nada máis extraordinario e vimos unha montaña de merda sobre o mar, o vertedoiro de Bens.
– LO: E anos despois de que se editase o libro, chegou o Prestige, non sabiamos o que nos esperaba…
– XS: Si, o mar está aí chamándonos, pero sempre vemos a parte negativa. A Coruña cambiou radicalmente nestes vinte anos. Unha persoa que leve vinte anos sen vir á Coruña non a recoñece. Xa non temos Caixa de Aforros, non temos Banco Pastor, non temos Fenosa… O orgullo das nosas nais era que os seus fillos traballasen aí. Fomos para atrás, pero o que non cambiou foi o mar. Seguiron chegando petroleiros e, cada dous días, hai algunha ameaza dun barco que ten problemas. O que si cambiou é que esa ignorancia absoluta que tiña eu xa non está. Noto, na xente nova, un desexo de saber cousas do mar. Xa saben o nome das pedras da Torre, aparecen libros marabillosos como Orixe orzánica das sereas todas, ou os poemas de Xosé Iglesias. Mesmo se creou un colectivo político chamado Marea Atlántica. E temos problemas de hoxe, como que se pretendan converter nun negocio inmobiliario os terreos portuarios, que teñen que ser a grande oportunidade de futuro da Coruña como cidade atlántica. Eses problemas veñen de aí, de que hai vinte anos non sabiamos nada do mar. Daquela aceptouse que se fixesen edificios para pagar o porto exterior, nuns terreos que teñen que ser de todos. A día de hoxe sería imposible, temos outra conciencia, avanzamos moito neste sentido porque a cidade vai coñecendo a súa identidade, sabe que naceu do mar e que ten que ter no mar o seu futuro. (…)”