Desde Queremos Galego:
“A plataforma Queremos Galego! fai un chamamento a realizar un gran acto nacional o vindeiro 17 de maio baixo o lema “Queremos vivir en galego” na praza do Obradoiro de Compostela. Debido ás restricións sanitarias, este evento contará cunha capacidade limitada polo que precisamos que te inscribas [aquí].
Queremos vivir en galego con toda liberdade, con total normalidade, sen límites, sen coaccións e sen exclusións.
Podermos usar e dispor da nosa lingua en todo e para todo, un dereito humano recollido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos ou a Carta Europea das Linguas, mais que para o galego aínda temos que conquistar no día a día.
A sociedade galega mantivo este ano a súa mobilización, con centos de iniciativas para gañar novos espazos para o galego ou evitar retrocesos noutros. Como a Iniciativa Xabarín, que chega ao Parlamento con máis de 33.000 sinaturas para garantir a posibilidade de gozar de contidos audiovisuais en lingua galega, nomeadamente para a infancia e a mocidade.”