Queremos Galego comeza a recoller apoios para levar ao Parlamento a ILP Lingua Vital

Desde Queremos Galego:
“A plataforma de defensa da lingua Queremos Galego puxo hoxe en marcha a recollida de sinaturas para levar ao Parlamento de Galiza a Iniciativa Lexislativa Popular Lingua Vital, unha proposta de lei deseñada por centos de entidades sociais que buscan garantir a presenza do galego en todos os espazos e para todos os usos. A iniciativa precisa xuntar 10.000 sinaturas para ser debatida na cámara galega. As persoas que queiran sumarse poden informarse dos puntos e as datas de recollida de sinaturas na páxina web linguavital.gal.
“O galego está en emerxencia, mais a situación pode reverterse”, asegurou o voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, “co compromiso das organizacións sociais e dos poderes públicos, dándolle vida e futuro, con uso e presenza en todos os espazos”. Maceira recordou, no evento de presentación da campaña de recollida de sinaturas, que a ILP Lingua Vital parte do traballo que veñen desenvolvendo dende hai meses centos de organizacións e entidades sociais de todos os ámbitos para consensuar unha lexislación a favor do galego que ofreza garantías para que a lingua estea sempre presente, haxa oferta e se poida usar en calquera situación.
“Precisamos unha lei que asegure que quen xa fala galego poida facelo sempre”, explicou Maceira, “e que quen queira sumarse, nacese onde nacese, poida facelo sen obstáculos e sen límites”. “Unha lei para unha lingua con vida”, rematou, “unha Lingua Vital”.
Así, a proposta de lei abre as portas ao galego en todos os espazos e para todos os usos, e derroga ou modifica as leis e normas que o frean, incluído o decreto do plurilingüismo no ensino. Entre outros aspectos, a lei defende que o galego sexa lingua vehicular, de acollida e de integración no ensino; garante os dereitos lingüísticos, para poder vivir en galego e atopalo na saúde, na xustiza, na administración ou no comercio; asegura súa presenza na cultura, no audiovisual e nos medios de comunicación; e reclama o lugar do galego no mundo, en todos os territorios onde é lingua propia, coa oficialidade na UE e a integración na lusofonía.
Apoio nos concellos
A ILP xa comezou a debaterse en plenos municipais e foi aprobada en Pontevedra e en Brión cos votos dos grupos municipais do BNG e do PSOE, que asumiron a súa presentación nos plenos e aos que as entidades queren agradecer o apoio. Será debatida esta semana en Moaña e no Concello de Santiago, a través do BNG, Compostela Aberta e o grupo non adscrito.”

Queremos galego presenta unha ILP “para unha lingua vital” e de medidas para reverter a emerxencia lingüística


Desde Queremos Galego:
“Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026.- Representantes das entidades sociais apoiantes do protocolo lingua vital presentaron esta mañá no Parlamento galego unha proposición de lei por iniciativa lexislativa popular (ILP) para reverter a emerxencia lingüística que amosan todos os estudos e que, en palabras do voceiro da plataforma, “é reversíbel co compromiso do poderes públicos e das entidades sociais”.
“Non nos resignamos”, asegura Maceira, “se a lingua galega está viva é porque hai unha sociedade que a defende e actúa para mantela”. Neste sentido, o voceiro de Queremos Galego recordou que mentres a Xunta amosaba por un lado un suposto interese pola lingua e lexislaba polo outro contra a súa presenza en ámbitos como os medios públicos, a administración ou a IA, a sociedade manifestábase en apoio aos acordos unánimes previos arredor da lingua (como o actual PXNLG, a DUDL ou o a CELRM) e ás alternativas que as entidades ían elaborando colectivamente nun proceso que culminou no Protocolo Lingua Vital.
A iniciativa lexislativa popular presentada hoxe recolle os principais aspectos dos acordos pola lingua acadados por entidades da lingua mais tamén sindicais, culturais, veciñais, da comunidade educativa, do ecoloxismo ou das persoas consumidoras. Unha vez admitida a trámite, comezará un proceso de recollida de sinaturas que contará coa implicación de centos de colectivos sociais e de persoas voluntarias para que en cada vila e localidade de Galiza se poida asinar e apoiar esta proposta para reverter a emerxencia lingüística e facer da nosa unha lingua vital, en todo e para todo.
“Na diversidade e pluralidade da comisión promotora desta lei”, afirma Maceira, “pode verse que a lingua galega é elemento de unidade e cohesión social, que no contexto actual é máis necesario que nunca defender e impulsar”. “Non hai ningún motivo para que o Parlamento non aprobe esta iniciativa lexislativa popular”, conclúe, “porque non hai ningün motivo para incumprir os acordos en relación ao idioma”.

As entidades que forman parte da Comisión promotora en representación das 396 que apoiaron o Protocolo Lingua Vital son: A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL), Asociación Socio-Pedagóxico Galega (AS-PG), Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos (CONFAPA Galicia), ANPAS Galegas, Prolingua, Rede da GaliLusofonia, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais (ORGACCMM), Asociación de consumidores de Galicia (ACOUGA), Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Federación Galiza Cultura, Asociación Cultural Cultura Aberta de Carral, Asociación veciñal Agra, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Movemento Sumar Galicia, Vía Galega, Erguer, Galiza Nova, Confederación Intersindical Galega (CIG), CIG-Ensino, Sindicato nacional de Comisións Obreiras (CCOO), Federación de Ensino de CCOO e Unión Xeral de Traballadores e Traballadoras (UXT).

Contido da ILP
Partindo das medidas contempladas nos acordos unánimes arredor da lingua (PXNLG, na CELRM, da DUDL e Lei Paz Andrade) e como resultado do proceso colectivo do que resultou o Protocolo Lingua Vital, preséntase unha proposta de lei con acción centradas en garantir a presenza do galego en todos os ámbitos e para todos os usos:
1. Garantía dos dereitos lingüísticos: para asegurar o cumprimento da PXNLG, a avaliación de impacto lingüístico das novas normas, o dereito ao uso do galego nos servizos económicos e comerciais e a creación dunha valedoría de dereitos lingüísticos.
2. Ensino: proponse derrogar o decreto contra o galego e estabelécese a galega como lingua vehicular e de acollida no conxunto do ensino sen que poida ser restrinxido, así como asegurar a formación do profesorado, a oferta de materiais e recursos didácticos, un programa específico na formación profesional e o aproveitamento da lusofonía. 
3. Servizos públicos: Como lingua da administración pública, estabelece a oferta positiva en galego, o seu coñecemento para o acceso ao emprego público e a súa presenza e disposición por defecto e prioritaria da administración, incorpora clausulas e garantías de oferta e uso de galego nos contratos públicos. En ámbitos como a sanidade proponse a un plan de xestión lingüística e na xustiza a presenza do galego nos programas de xestión e documentos. Para contribuir á galeguización da administración a Xunta promoverá a creación de servizos de normalización lingüística e a coordinación entre eles. Por último, estabelécense accións e programas para a formación e integración de migrantes integramente en galego tendo en conta ás entidades representativas destas comunidades. 
4. Medios de comunicación e dixitais: respecto aos medios públicos, a ILP propón o uso exclusivo do galego en todos os programas e producións, incluídos os contidos publicitarios, así como un plan estratéxico da CSAG que recupere o seu papel normalizador, o pluralismo e unha oferta ampla e atractiva, nomeadamente para o público infantil e xuvenil. Nas tecnoloxías propón asegurar a presenza por defecto e a súa incorporación nos servizos e dispositivos dixitais. 
5. Oferta cultural, audiovisual e actividades deportivas: Estabelece o investimento público en obras e actividades culturais en galego, a promoción da distribución e difusión do libro en galego, cotas de emisión, dobraxe e lexendaxe para os fornecedores de servizos de comunicación audiovisual, garantir a exhibición de cinema en galego nas salas, e o galego como lingua das actividades deportivas nas que participar a Xunta. 
6. Acción exterior, galego estremeiro e lusofonía: reclamación da oficialidade do galego na UE, o recoñecmento de Galiza na CPLP, mecanismos para a efectivización da ILP nos territorios de lingua galega fóra da comunidade autónoma e a creación do Instituto Rosalía de Castro para a promoción do galego no exterior.
Disposición derrogatoria e finais. Finalmente, a ILP, conta cunha disposición que derroga o decreto contra o galego no ensino e unha serie de disposición finais que modifican os aspectos máis lesivos contra o galego de leis aprobadas polo Partido Popular en ámbitos como o consumo, o emprego público, a administración local, os medios públicos ou a intelixencia artificial.

Queremos Galego impulsará unha Iniciativa Lexislativa Popular para blindar o galego e reverter a emerxencia linguística

Desde Queremos Galego:
“Queremos Galego anunciou o 2 de xullo en rolda de prensa a primeira acción colectiva nacida do Protocolo Lingua Vital; a presentación en setembro dunha Iniciativa Lexislativa Popular. A plataforma de defensa da lingua dará a coñecer o texto da ILP en setembro, xunto coas persoas e colectivos sociais que forman parte da comisión promotora.
Na presentación participou unha representación das entidades apoiantes do Protocolo Lingua Vital: Lucía Veciño Souto (Fundación Galiza Sempre), Paulo Carril (CIG) Claudio Pan Carollo (CCOO), Antuán Rivas (Artistas da Dobraxe ADA), Olga Patiño (AS-PG) Rocío Núñez (Movemento Sumar), Mercedes Tobío (BNG), Xandre Garrido (Avante LGTB+), Iria Nande (Galiza Nova), María Maroño (Erguer) e Marcos Maceira (A Mesa pola Normalización Lingüistica)
Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, avanzou que os principais obxectivos desta ILP serán reverter as normas contra o galego e a emerxencia lingüística, blindar os acordos a favor do galego e garantir os dereitos lingüísticos. “Existe unha distorsión entre o que din os plans e a realidade legal da nosa lingua”, lamentou Maceira, “e precisamos que a lei ampare e asegure o cumprimento dos acordos estabelecidos a favor do galego”. “Incumprir o Plan non ten custos”, recoñeceu, “incumprir a lei, si”.
Maceira foi moi duro na crítica ao goberno galego. “Desde 2004 e desde 2024 vese a falta de palabra e de interese do goberno do PP en actuar a favor do galego”, asegurou. “A acción da Xunta foi contraria a calquera obxectivo normalizador fixado nos acordos nacionais e internacionais”, criticou. “Incumpriron ata os seus propios documentos e prazos”, recordou, “incluíndo a revisión do PXNLG que ía estar lista a finais do pasado ano”.
Segundo o portavoz de Queremos Galego, “se algo está a demostrar Rueda é que non é de fiar e a súa capacidade de pór a súa fobia ao galego -moatrada naquela infame manifestación de febreiro do 2009- por diante dos intereses de Galiza, porque a lingua galega é a mellor expresión da propia existencia de Galiza”.
Unha das medidas máis urxentes para dar cumprimento ás resolucións do Consello de Europa e da ONU, que incluirá a proposición de Lei Lingua Vital, salienta Maceira, é a derrogación do decreto 79/2010, recoñecendo o galego como lingua vehicular e de acollida en todos os niveis, asegurando a docencia en todos os cursos e materiais didácticos, ofrecendo formación do profesorado e información a familias e aproveitando a lusofonía.
No relativo aos servizos públicos, é preciso blindar a oferta positiva na administración, xustiza e sanidade; asegurar a presenza do galego nos programas informáticos e introducir cláusulas lingüísticas nos contratos públicos. As entidades sociais do Protocolo Lingua Vital exixen, asimesmo, o fortalecemento dos servizos de normalización lingüística e a sistematización de programas específicos para as persoas inmigrantes que chegan ao noso país.
A ILP tamén exixirá a reversión da lei de medios públicos, recoñecendo o papel do galego como lingua exclusiva da CSAG e emendando a lei de IA. Tamén pedirá investimento público en oferta cultural en galego, cotas de dobraxe, lexendaxe e financiamento antecipado, exhibición de filmes en galego nas salas e protección da nosa lingua nas actividades deportivas.
“Perante a emerxencia lingüística”, rematou Marcos Maceira, “só hai unha alternativa: o Protocolo Lingua Vital, elaborado por 70 entidades co apoio de 396, parte dos acordos e engade 300 medidas novas que comprometen entidades sociais e institucións favorábeis ao galego en todos os ámbitos da vida social”. “O galego está vivo e no debate social porque hai un pobo que a defende e que actúa”, concluiu.”

Entidades sociais elaboran o Protocolo Lingua Vital para actuar contra a emerxencia lingüística

Desde Queremos Galego:
“Os grupos de traballo do proceso social Lingua Vital concretaron en Santiago o contido do protocolo que será presentado o 14 de marzo na Praza da Quintana de Santiago. Este protocolo parte dos obxectivos e dos acordos estabelecidos arredor da lingua e establece accións concretas que comprometen na defensa activa do galego tanto aos poderes públicos como ás entidades sociais.
Dende Queremos Galego recórdase que o Protocolo Lingua Vital é o resultado dun proceso no que participaron directamente 57 entidades sociais de todos os sectores co apoio de 396 colectivos. Os grupos de traballo foron constituídos por un centenar de persoas activas en cada ámbito e a proposta foi debatida en todas as comarcas de Galiza, de onde chegaron máis de 1300 achegas e propostas.
“Se todas e todos nos unimos é posíbel actuar para reverter a emerxencia linguística”, afirmou o voceiro da plataforma, Marcos Maceira. “A presentación do protocolo o 14 de marzo abrirá unha nova etapa na que as entidades sociais aumentarán a presión aos poderes públicos coa súa propia actuación con medidas claras e definidas colectivamente”, concluiu.
A praza da Quintana acollerá o vindeiro 14 de marzo unha asemblea multitudinaria e aberta na que Queremos Galego presentará á sociedade os resultados do proceso social Lingua Vital.”

Queremos Galego denuncia que os Orzamentos de 2026 responden ao Plan da Xunta para “o enterro do galego”

Desde Queremos Galego:
Queremos Galego denunciou en rolda de prensa que os orzamentos de 2026 confirman que a Xunta non ten intención de enfrontar a emerxencia lingüística. O voceiro da plataforma de defensa da lingua, Marcos Maceira, denuncia “a ausencia de calquera referencia á lingua na lei de medidas fiscais que acompaña os orzamentos, agás para eliminar o seu coñecemento para acceder a listas de contratación da Xunta”. “É significativo”, asegura Maceira, “que só o 0,09% dos orzamentos teña como obxectivo a promoción do galego mais tamén que só se nomee para excluílo ou dotalo raquiticamente”.
A plataforma de organizacións en defensa da lingua salienta que os orzamentos non prevén o cumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), con medidas previstas como incorporar cláusulas que aseguren o galego en todos os contratos, acordos, convenios ou axudas da Xunta de Galiza, que nin sequera suporían incremento do gasto. “O cumprimento dos acordos de 2004”, afirma o seu voceiro , “tería un claro efecto multiplicador na presenza do galego en todos os ámbitos da vida social que a Xunta desbota”. “Neste sentido”, denuncian, “se estes orzamentos responden a algún Plan é só ao do pretendido enterro do galego”.
Marcos Maceira explica que, “malia o conselleiro de cultura, lingua e xuventude ter enfatizado na presentación dos orzamentos de 2026 no Parlamento que o investimento en lingua se enmarcaba nun proxecto amplo, plural e con implicación de todas e cada unha das áreas de goberno”, o certo é que este investimento se limita exclusivamente ao programa 151A de fomento do galego, que executa en solitario a Secretaría Xeral de Política Lingüística. “O programa 151A de fomento do galego”, lamenta Maceira, “non só non é transversal ás distintas áreas de goberno, senón que é o de menor contía dentro da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude, situándose na posición 78 de entre os 108 contemplados nos orzamentos de 2026”.
A dirección dos orzamentos é contraria ao proposto pola plataforma Queremos Galego na asemblea multitudinaria de miles de persoas e centos de colectivos celebrada en novembro de 2024 en Compostela: asegurar os máximos niveis de docencia e materiais didácticos en galego; o pleno dereito de uso do galego, coa atención e a oferta correspondente en todo tipo de servizos; accións para que se cumpran os mínimos legais de presenza de galego na oferta radiofónica e audiovisual e oferta positiva en galego en todos os servizos da administración pública con disposición de galego en programas informáticos, información, formularios, impresos e na atención en todas as súas formas e coñecemento de galego por todos/as os/as traballadores/as públicos/as.
Neste sentido, Maceira denuncia a “ausencia transversal” do galego nos orzamentos de xustiza, sanidade, deportes, inclusión social ou economía. Especialmente clamorosa é, para as entidades de defensa da lingua, a ausencia dun orzamento imprescindíbel para garantir a posibilidade real de uso do galego na xustiza, o da tradución do software de xestión empregado no sector, “o que non impediu que na presentación dos orzamentos o conselleiro reiterase o seu compromiso coa tradución e a implementación con versión en galego do programa Atenea”, lamenta Maceira.
No ensino, a Xunta reduce a 450 mil euros (2,6 por estudante de ensino obrigatorio ou 375,62€ por centro) as achegas á dinamización lingüística, 230 mil menos que no 2004. E na administración local a 350 mil euros, que só permiten axudar con entre 3000 e 9500 euros para servizos de normalización a 30 dos 313 concellos. No referente á formación do funcionariado, Queremos Galego destaca a redución dos orzamentos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), que un ano máis non contará co departamento de formación e planificación lingüística que prevía o PXNLG de 2004. Nas denominadas “Actividades de formación para a normalización e dinamización lingüística”, a Xunta mantén a mesma cantidade que en 2025, un 40% menos que en 2004, ano da aprobación do PXNLG.
No ámbito económico, a Xunta anunciou na memoria da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude e por parte do Conselleiro da creación dun selo de empresa en galego semellante ao que xa outorga a Mesa a aquelas empresas que certifican algún dos 5 niveis de uso do galego. No entanto, Maceira explica que a memoria de beneficios fiscais non contempla nada ao respecto, nin bonificación no tratamento fiscal dos custos nos que incorren as empresas que indicaba o PXNLG, nin a promoción da facturación en galego, nin plan de axudas para o acceso ás TIC en galego. “A ausencia destas medidas non impide que se destinen 1.350.000 euros a transferencias correntes a empresas privadas en programas de promoción do galego”, denuncia.
“As actuacións previstas sobre a lingua cínguense ao programa de fomento do galego que xestionará a SXL”, afirma Maceira, ”e este programa conta cunha dotación inferior en máis do 30% ao dos últimos orzamentos de Fraga, en 2004, 0,9€ por cada 1000€ de investimento público”. “Na comparación cos orzamentos de 2025”, remata Maceira, “chama a atención que as partidas con maior suba e dotación son aquelas destinadas á propaganda e que permiten un maior uso discrecional do diñeiro público: campañas sen medidas concretas e eficaces e transferencias de capital a empresas privadas para fomento do galego, ademais de estudos que, con certeza, non terán como obxectivo analizar a emerxencia lingüística para procurar revertela”. Estes tres conceptos disporán dun total de 5.600.000€ fronte aos 53 mil euros das accións de promoción da lingua galega ou os 300 mil á edición en galego fronte a 1,2 millóns de 2004.
Descarga aquí o documento O galego nos orzamentos de 2026.”

O proceso Lingua Vital bota a andar en Compostela, despois da multitudinaria manifestación do 17 de maio

Desde Queremos Galego:
“Entidades, colectivos e organizacións de toda Galiza constituiron esta fin de semana en Compostela o proceso social Lingua Vital, co obxectivo de “conseguir avances na normalización da lingua galega” e “garantir a súa presenza e oferta en todos os espazos e para todos os usos”, como recollen os acordos e nacionais e internacionais como a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos (1996), a Carta Europea das Lingua Rexionais e Minorizadas (2001) ou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004).
Este proceso recolle o malestar amosado pola sociedade galega nas multitudinarias mobilizacións de febreiro e maio de 2025 e de novembro de 2024, cando milleiros de persoas sairon á rúa para denunciar que estes acordos non se están a respectar, que as medidas que indicaban non se aplican e que neste tempo se chegou a lexislar en contra deles, acelerando a tendencia negativa no uso do galego e acadando unha porcentaxe de incapacidade para falalo inédita na historia de Galiza.
As 60 entidades galegas de todos os ámbitos integradas no proceso Lingua Vital Xa comprometéronse, de cara ao último trimestre deste ano a organizarse en grupos de traballo nos que avaliar de xeito sectorial o grao de cumprimento e efectividade das medidas contempladas no PXNLG; identificar os principais obstáculos para a efectivización das medidas incumpridas, detallando que cómpre remover, modificar ou aplicar para a súa execución; propor un calendario de accións normativas e executivas concretas para o cumprimento e efectivización das medidas do PXNLG, da CELRM, da DUDL e do PGDL; fixar os mínimos que cada entidade social está en condicións de asumir na súa acción diaria na medida en que poden producir un efecto normalizador no seu ámbito; e, finalmente, a acadar un compromiso de aplicación polas institucións públicas.
As entidades e persoas que estean interesadas en participar no proceso poden escribir ao correo electrónico queremosgalego@queremosgalego.gal e solicitar máis información.”