Entrevista a Alejandro Tobar no Salto Galiza:
“(…) – O Salto Diario (OSD): Sabemos que a editorial Hugin e Munin divídese en dúas coleccións importantes. Unha é a colección principal e a outra é a colección “Vólvense os paxaros contra as escopetas”. Cal é a diferenza entre ambas coleccións?
– Alejandro Tobar (AT): Unha é de pura loxística. Nós temos o compromiso de entregar oito libros ao ano ou dous libros por trimestre aos subscritores. Entón, nós entregamos unicamente os libros da colección principal, que foi coa que comezamos. E logo, temos a colección secundaria, que non quere dicir que teñan menos calidade, senón que son libros menos extensos ou non son a primeira espada dun autor. Así é como temos un ritmo perfectamente continuo. Cada tres meses, de maneira puntual, como un reloxo suízo, sacamos dúas obras na principal. Na paralela non temos esa obriga. Podemos sacar un ano tres, outro anos cinco, outro ano unha… mentres que na outra temos que sacar oito si ou si.
– OSD: Que representa para vós traballar na tradución dunha lingua minorizada como o galego? Que supón en varios ámbitos, mesmo o político?
– AT: Supón ante todo, un orgullo. A lingua é nosa. Se vas a outra latitude, ao País Vasco, vanche dicir o mesmo. Pero eu non entendo, non se me ocorrería montar unha editorial dentro de Galicia en castelán. Antes toleo, antes marcho, antes emigro. Nós, tanto a miña compañeira da editorial coma min, somos tradutores profesionais en dúas linguas. Nós facemos ao redor de 20 e 30 libros ao ano para diferentes editoriais. E traballamos mais ou menos o 50% para o galego e 50% para o castelán. No caso dela, tamén coas linguas italiana e francesa e, no meu caso, o 90% está feito desde o inglés. Pero, quero dicir con isto que Hugin e Munin é unha parte do noso traballo profesional en Galicia. Logo tamén colaboramos en Bruño, en Xerais ou Edelvives. Sempre entran encargos, co cal temos dous traballos en paralelo: un excepcional en que temos a capacidade de escolla total que é Hugin e Munin, e outro que é o traballo de cada un de nós noutras editoriais. Para a primeira, contratamos tradutores externos porque unicamente facemos traducións directas. Non utilizamos linguas ponte en ningún dos casos. Entón, iso implicou que até agora, que levamos case dez anos, traballamos cunhas 25 ou 28 persoas.
– OSD: Seguramente coñecedes con detalle cal é o contexto propio da tradución do galego en Galicia. Gustaríame saber, respecto á túa consideración, cal é a realidade actual da tradución ao galego, polo menos no mercado editorial literario.
– AT: A realidade é que a tradución, dentro do mercado editorial galego, representa a mesma porcentaxe que outras linguas en España ou na media europea: un 20%. Pero as tiraxes demostran outro problema. Están a ser mínimas, son case de autoedición respecto a outros contextos. Por exemplo, as editoriais especializadas en tradución no ámbito español -xa non me meto no ámbito hispánico, que poden vender en México ou en Arxentina- centrado no Estado, tiran polo menos 1,000 ou 1,200 exemplares, mentres que no noso caso, en Galicia, a media de vendas está en 400 exemplares. E no noso caso particular temos tiraxes pequenas que non superan os 300 exemplares. O truco dos números non está no 20%, que é certo que a editorial galega ten un 20% de tradución, senón en que ese 20% en verdade ten unhas tiraxes que, visto con ollos de fóra, son ínfimas. Eu creo que temos unha situación de resistencia.
É certo tamén que, para ampliar a resposta, estamos cada vez mellor e que a tradución vive un bo momento. Hai un boom e creo que a profesionalización mellorou nos últimos dez anos. Os libros que se fan, polo xeral, son moi bos e hai uns plans editoriais claros do que se quere traducir e do que non. Por outra banda, son perversas as axudas á tradución. Alí non me meto porque máis do 90% do noso catálogo non ten ningún tipo de axuda pública. Co cal, nese caso concreto, somos unha editorial independente a todos os efectos.
– OSD: Ti cres que no ámbito da normalización lingüística ou da dinamización do galego a práctica da tradución cumpre unha función relevante?
– AT: Absolutamente. A función normalizadora dun corpus serio de tradución nunha lingua minorizada é clara. No noso caso, somos conscientes de que hai que tratar moi ben as traducións. Mentres que non podemos, por unhas cuestións económicas e do propio sistema galego, aspirar a facer grandes libros con tapas durísimas e ilustradas por unha ilustradora recoñecida. O que tratamos de mirar é que os textos, os interiores, as tripas, vaian perfectamente traducidas, corrixidas e recorrixidas. Ese punto da normalización para nós é esencial. Creo que estamos a facer un bo traballo en xeral todos os que facemos tradución literaria en Galicia a nivel de normalizadores e normalizadoras da lingua. (…)”