Intercambio literario Xacobeo 2021: Galicia-Xeorxia en residencia

“O Goberno autonómico lanzou en colaboración coa Residencia Literaria 1863 un novo programa de intercambio dirixido a escritores galegos e xeorxianos. O autor/a seleccionado/a dese país traballará e investigará en Galicia durante o mes de setembro, mentres que o escritor/a galego/a gañador/a fará o mesmo desde Xeorxia para reforzar a proxección exterior da literatura galega.
Este novo programa consiste en que a Secretaría Xeral de Cultura e a Residencia Literaria 1863 facilitarán o espazo en Galicia para que o seleccionado traballe e investigue durante todo o mes de setembro. Ademais de cubrir os gastos derivados da estadía, tamén inclúe un evento público de mostra do seu traballo literario.
No caso dos escritores en galego, a persoa becada en Xeorxia aloxarase na მწერალთა სახლი/Writers’ House of Georgia, unha mansión Art Nouveau situada no centro histórico de Tblisi, onde entrará en contacto con outros autores internacionais. Poderá así mergullarse na súa escrita de creación no contorno dunha cidade extremadamente segura, emerxente e cargada de historia.
Ademais da estadía, a bolsa inclúe dietas para gastos básicos e transporte ata e dende o destino.
Solicitudes ata o 31 de maio.
Poderán concorrer a esta convocatoria escritores/as maiores de 18 anos nacidos/as ou residentes en Galicia con ao menos un libro publicado en galego que deberán presentar un proxecto de escrita de creación.
As propostas presentadas serán sometidas a un proceso de selección por un Comité de Valoración designado pola Residencia Literaria 1863 e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, do que non formarán parte as súas cabezas responsables. Estará composto por profesionais de recoñecido prestixio na literatura galega, quen elixirán as mellores candidaturas a este programa.
As solicitudes deberán presentarse antes do día 31 de maio ás 22:00 horas no enderezo electrónico 1863coruna@gmail.com.
Consulta as bases polo miúdo ao pé da publicación na web da Xunta, aquí.”