Manuel Rei Romeu: “Sempre en Galiza é exemplar como culminación patriótica dunha traxectoria vital, fronte a calquer tipo de posíbel manipulación”

Entrevista de Xoán Costa a Manuel Rei Romeu en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que di que Sempre en Galiza é a obra imprescindíbel do nacionalismo galego?
– Manuel Rei Romeu (MRR): A vontade de Castelao cando empeza a escribila é recoller a experiencia daqueles anos iniciais do nacionalismo, sobre todo cando comezou a haber práctica política organizada nos tempos da II República, e fornecer a Galiza dun legado ideolóxico clarificador e concienciador. Tiña en mente completar a obra cunha segunda parte, que ficou inconclusa a raíz da súa morte en 1950, pensando sempre nuns “herdeiros políticos” nacionalistas e nese ideal de servizo ao pobo. Imprescindíbel é, en definitiva, porque así o recibiu e considerou o nacionalismo galego xurdido a mediados da década de sesenta do século pasado e así seguimos a consideralo.
– ND: Que relación hai entre a obra e a traxectoria vital de Castelao?
– MRR: A súa redacción está intimamente ligada a unha época determinada, é produto dunha etapa de activismo político nacionalista que se inicia coa fundación do Partido Galeguista. A maiores, acrisola o aval anterior do home artista comprometido que participa desde o inicio na fundación deste movemento a través das Irmandades da Fala. Ao mesmo tempo, o Sempre en Galiza é exemplar e inequívoco como vontade de ser, como resultado final ou culminación patriótica dunha traxectoria vital, fronte a calquer tipo de posíbel manipulación.
– ND: Cais son esas necesidades e quen son os destinatarios?
– MRR: Como vimos indicando, é complexa a redacción do Sempre en Galiza; obedece a circunstancias cambiantes e a estados de ánimo ou expectativas ben diferentes, tanto antes como despois da Guerra. Como pasa con calquer obra, se queremos entendela na súa xusta medida, temos que contextualizala como é debido. Ás veces hai que esculcar entre liñas para ver a quen van dirixidas as mensaxes e con que intención se dirixen. E podemos encontrar desde destinatarios “circunstanciais”, como son as chamadas forzas do internacionalismo proletario, galegos antifascistas, até destinatarios “máis transcendentais” como son os todos os galegos de boa vontade.
– ND: Cal sería a intención última do Sempre en Galiza?
– MRR: Aínda a costa de incorrer en simplificación excesiva, a intención última é recoñecérmonos como galegos e exercermos como tais, sendo conscientes de que Galiza é una nación con dereito a gobernarse conforme aos seus intereses e a decidir libremente o seu futuro (dereito de autodeterminación).”