Entrevista de Antón Escuredo a Moncha Prieto en Nós Diario:
“Moncha Prieto entra no mundo editorial galego coa súa primeira obra en solitario, o libro Alma de barro. Relatos da Ribeira Sacra. En realidade sempre estivo presente a través dos seus programas de radio en galego en Catalunya ou en numerosas publicacións colectivas realizadas na emigración. As duras experiencias da súa contorna, a maioría en tempos de guerra e posguerra, xorden da memoria e pasan polo seu torno para chegar a ser literatura.
– Nós Diario (ND): De que maneira marcou a súa vida a experiencia da emigración na Catalunya?
– Moncha Prieto (MP): Marchei de Gundivós, Sober, até Barcelona cando tiña quince anos por motivos familiares. Volvín un ano para rematar os estudos e marchei outra vez até a miña volta definitiva á Galiza. Deixei a miña adolescencia no mundo rural para atoparme nunha gran cidade. En Catalunya non tiven contacto coa emigración até pasados os trinta anos, coincidindo coa creación de entidades galegas a partir do Centro Galego de Barcelona.
Débolle á emigración aprender a amar a terra e a cultura que deixara. Non con saudade, máis ben con orgullo. Lembro que algunhas amizades literarias catalás preferían que lles falase galego e mesmo copiaban palabras que, pola súa sonoridade, lles parecían fermosas. Valorábannos e seguen a facelo agora. (…)
– ND: Cando comezou a escribir?
– MP: Antes de marchar a Barcelona. Era unha necesidade intrínseca de expresión. A través da escrita podes ceibar sentimentos de toda índole. Coas palabras podes verter nunha páxina o estado de ánimo, escribir sobre diferentes temáticas, revivir o vivido,… A partir da miña entrada na radio, comecei a participar en certames literarios e levei varios premios de poesía e relato. Colaboraba nalgunhas publicacións, sobre todo galegas en Catalunya. Foi unha vocación temperá mais con froitos tardíos e tamén con algúns maduros que me mantiveron no camiño.
Nunca pensei en ter unha publicación en solitario mais ás veces ese desexo de levar a termo unha vocación non se realiza por motivos laborais, de familia,… ou por escusas que nos poñemos a nós mesmos. Quizais non temos a forza para loitar polo que queremos e polo que soñamos. O motivo chegou agora e deume a entender que somos moi fráxiles e a vida corre demasiado rápido e se non o facemos hoxe ao mellor mañá xa non podemos. Ese motivo deume forza para loitar e recompilar toda a documentación e seguir adiante.
– ND: Que é Alma de barro?
– MP: Naceu coa idea de apresurarme en escribir e transmitir todas as vivencias. Todas as temáticas do libro estaban na miña memoria. Houbo un traballo de investigación previo no que tiven que escoitar moito. En total son 18 relatos e cada un deles está baseado nun feito real. Chegáronme a través da memoria colectiva e da memoria individual das e dos habitantes desta zona da Ribeira Sacra. Aínda que parten da realidade despois pasaron polo tratamento literario. Aínda que foron desta zona coido que poden ser extrapolábeis a calquera outra parte da xeografía.
Os acontecementos históricos e a forma de vivir serían semellantes. Lembro unha frase que me dixo un poeta catalán unha vez que lle dicía que me daba como vergonza escribir segundo que poemas, ás veces escribes dunha maneira moi espida, cos sentimentos directos… Daquela dicíame que non me dese vergonza, pois todos estabamos feitos do mesmo barro. No meu caso, ficción e realidade forman unha amálgama necesaria, mais difícil de saber onde remata unha e comeza a outra.”