O historiador Bieito Alonso gaña o XIII Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“Un xurado composto por ensaístas como Celia Pereira, Helena Miguélez-Carballeira, Suso Fernández Acevedo, David Rodríguez e o gañador da edición anterior, Martín Fernández Calo, ademais do deputado de Cultura, Xurxo Couto, como presidente, e a xefa de sección de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria escolleron a obra Estendendo a rebelión. sindicalistas marítimos galegos na América Atlántica 1875-1930, de Bieito Alonso, como gañadora da décimo terceira edición do premio Manuel Murguía de Ensaio da área de Cultura da Deputación da Coruña. O premio está dotado con 6.500 € e a publicación da obra gañadora.
O xurado valora que a obra “acomódase acaidamente áo xénero ensaio. Investiga a pegada deixada por unha serie de sindicalistas galegos en distintos portos atlánticos de sudamérica e de norteamérica. O libro aborda a relación de Galiza co Atlántico ofrecendo unha lectura novidosa do océano como espazo xeográfico historizable en consonancia coas correntes historiográficas actuais”.
Alén do traballo de investigación na prensa sindical americana e da pesquisa biográfica dos personaxes estudados, o ensaio destaca, segundo o xurado, “por ofrecer unha visión do país no mundo que expande a imaxe que temos da emigración galega. Un fenómeno, este, que non se esgotaría no que tivo de vía de saída para masas de labregos, na conformación de comunidades de emigrados ou na experiencia do exilio, senón que tamén presentaría derivadas proletarias e revolucionarias, especialmente na súa veta anarquista”.
No traballo, “o país, lonxe de aparecer como periferia, preséntase como punto neurálxico das grandes rotas atlánticas, tamén no que ten que ver coa circulación de ideas emancipadoras. Unha inserción no contexto global, que fomentou un diálogo directo co outro lado do atlántico, de enorme interese para o presente”, apunta o xurado no seu fallo. (…)”