Lugo: Tarde e Tardiña 2021, 15 de xullo

A Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo organiza unha nova edición de Tarde e Tardiña, unha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar na Canella do Hospital durante as tardes dos xoves, e que en caso de choiva trasladaranse á carpa da praza da Soidade.

Este é o programa para o 15 de xullo:
Tarde 18:30
The Show Moscón, de Galitoon
Duración: 50 minutos
Idade recomendada a partir de 2 anos
The Show Moscón é un circo de títeres ambulante de “varietés”, presentado por un moscón gordecho. Un marabilloso circo, representado por un armario que abre as súas portas para mostrar os diferentes números que se atopan no seu interior.
Dentro deste armario poderase desfrutar de verdadeiras divas da canción, absurdos números musicais, horribles magos e mentalistas, incribles bebés equilibristas, marabillosos números de danza e un senfin de humor.

Tardiña 21:00
Un verso estoura na tarde
Tamara Andrés, Nieves Neira, Xerardo Quintiá e Luís Monsalve (piano)
A rosa florece no poema, como todo o que vive baixo o Sol. Dúas voces cunha enorme proxección: a poética intelixente e sutil da lucense Nieves Neira e a poesía médium da combarresa Tamara Andrés, canda a lectura do Manifesto do ciclo a cargo dun dos poetas lucenses máis destacados da súa xeración, Xerardo Quintiá. Un verso estoura na tarde. E alí a poesía, coma un boneco branco axeonllado cos brazos en cruz no medio do camiño.”