Alfonso Blanco Quintela gaña o III Premio Realia de Tradución Literaria

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“Alfonso Blanco Quintela acaba de gañar o III Premio Realia de Tradución Literaria, pola tradución, ao galego, da obra As consecuencias da vella historia, escrita por Georgios Viziinos, e publicada orixinalmente en lingua grega en 1884. Blanco Quintela, que se presentou baixo o pseudónimo de Asier Ortegal, percibirá unha contía en metálico de 1.500 euros. A maiores, a súa tradución será publicada nos vindeiros meses nunha das dúas coleccións da editorial Huguin e Munin.
O xurado considera que a tradución asinada por Blanco Quintela é digna vencedora por varios motivos. Entre eles a riquez do seu léxico, cun uso adecuado da sinonimia, así como por escolmar con acerto a literatura grega de finais do século XIX até dar cun texto e cun autor ben coñecidos pero escasamente representados no ámbito ibérico. En consencuencia, segundo explican os membros do xurado na acta, “recoñéceselle ao tradutor non só que saiba traer de maneira eficaz un texto en tradución directa do grego ao galego, senón tamén a súa contribución ao encher un pequeno baleiro no corpus galego de tradución”. Tamén salientan que, “se ben é certo que a obra aínda precisa dun traballo de edición, este parece asumible, pois á calidade do orixinal cómpre sumarlle, en definitiva, unha tradución competente, que cos procesos de revisión aínda por chegar pode converterse nunha estupenda proposta literaria para os lectores e lectoras en galego”.
Os premios Realia de tradución, convocados polo concello de Santiago a través da concellaría de Acción Cultural, en colaboración coa Editorial Hugin e Munin, teñen unha periodicidade bianual. Os seus obxectivos son difundir e recoñecer traducións inéditas á lingua galega de obras narrativas, circunscritas ao xénero da novela e da novela curta; e outorgarlle visibilidade e recoñecer o traballo dos profesionais da tradución, coa publicación da obra nalgunha das coleccións da editorial. A obra gañadora será cedida á Biblioteca Virtual (BIVIR) da Asociación de Tradutores Galegos pasado un ano da súa publicación en papel. (…)”