“A plataforma “Seguir Creando en Dixital”, da que forma parte da AELG, e que reúne a máis de 45 asociacións de autores/as de todo o estado, entre xornalistas, fotógrafos/as, escritores/as, guionistas, tradutores/as, compositores/as, artistas intérpretes ou executantes, informou ao ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta, que pedirá a todos os grupos parlamentarios do Congreso o voto en contra da transposición da Directiva sobre dereitos de autoría no Mercado Único Dixital (DAMUD) se persiste na súa idea de imposibilitar o recoñecemento efectivo dos dereitos deste colectivo.
Desde o inicio deste proceso, os/as autores/as pedimos ao ministro a xestión colectiva obrigatoria dos nosos dereitos no ámbito dixital para evitar que as multinacionais tecnolóxicas nolos usurpen.
Este modelo de xestión de dereitos é a única fórmula que permite unha negociación equilibrada entre as partes, transparencia no sistema e contratos, e unha remuneración xusta polo uso que fan das nosas obras nos seus buscadores e agregadores de noticias, como Google.
Pensar que este pagamento de dereitos pode asumirse nas nóminas dos/as que publican na prensa podería supor a morte do dereito do/a creador/a, tanto para os/as autores/as contratados/as como para os/as colaboradores/as.
O pasado 20 de maio remitimos ao ministerio un borrador de redacción das prescricións correspondentes ao artigo 15 da Directiva 2019/790 a traspor propondo a xestión colectiva obrigatoria, mais comprobamos, polas últimas declaracións de Iceta, que a postura do ministerio camiña en sentido contrario.
En paralelo con este comunicado, enviamos unha carta ao ministro na que lle pedimos unha entrevista para informalo sobre a nosa posición, no entendemento de que para chegar a unha solución xusta, equilibrada e plural é imprescindíbel coñecer a fondo as formulacións de todas as partes afectadas.
Tamén reiteramos a petición das entidades asociativas autorais, exposta de maneira directa ao ministro e asumida por el, de facilitar aos seus representantes un borrador da transposición para que estas poidan presentar suxestións, emendas e, no seu caso, modificacións que respondan aos seus intereses como creadores/as.
“Seguir creando en dixital” pon de manifesto que hai modelos de transposición da DAMUD que tiveron en conta aos/ás autores/as e son casos de éxito, como o de Alemaña.
Polas últimas intervencións de Iceta, todo apunta a que o seu modelo de referencia é o francés, que demostrou ser un claro fracaso posto que está xudicializado por problemas de competencia e por non ter en conta os dereitos de escritores/as, xornalistas e outros/as creadores/as.
De aplicarse o modelo francés instauraríase unha práctica baseada en acordos opacos, sen transparencia algunha, entre plataformas e empresas, de tal xeito que acabaría por instalarse a lei da selva na rede imposibilitando que (citamos textualmente a Directiva) “os/as autores/as das obras incorporadas a unha publicación de prensa reciban unha parte adecuada dos ingresos que as editoriais de prensa perciban polo uso das súas publicacións de prensa por parte de prestadores/as de servizos da sociedade da información”.
Confiamos en que o goberno presidido por Pedro Sánchez e do que é ministro de Cultura, Miquel Iceta, non sexa lembrado por acabar cos dereitos dos/as autores/as no ámbito dixital asumindo como xustas as pretensións das plataformas tecnolóxicas, cuxos intereses pouco teñen que ver cos da inmensa maioría dos/as autores/as, xornalistas e outros/as creadores/as de contidos, que serían as vítimas dunha decisión de consecuencias imprevisíbeis para o futuro da propiedade intelectual e os dereitos de autoría.
Ademais, nun momento no que se pretende avanzar na concreción do Estatuto do/a Artista, esta nova supón unha grave contradición co papel que nese documento desempeñan os/as autores/as de todas as disciplinas e coa importancia decisiva que nel se recoñece aos dereitos de autoría e á remuneración axeitada polos contidos que achegan e que son fonte de negocio para editores/as e plataformas.
29 de outubro de 2021″