“Comedia macabra para os máis pequenos”

Entrevista a Antonio Manuel Fraga en La Opinión:
“Sempre defendín que calquera tema se pode tratar sempre na literatura, se se mira coa óptica adecuada”. O escritor Antonio Manuel Fraga, nado en Pontedeume pero nacionalizado en Monte Alto, opta por non subestimar as entendedeiras das crianzas ás que vai dirixida Papá caníbal, unha historia de comedia macabra na que fai dupla co ilustrador Santy Gutiérrez, que conta en imaxes a historia de Fedora, unha rapaza que, farta de que o abusón da escola se meta con ela, decide asustalo contándolle que o seu pai é un caníbal.
O Efebeí, un policía fóra de servizo, inicia unha investigación pola súa conta sobre o suposto caníbal para tentar recuperar o prestixio perdido e poder reincorporarse ao traballo. O final do conto está á carta do lector. O humor e a intriga están aseguradas.
Chegou o momento de falar de canibalismo coa cativada? “É unha comedia con humor macabro, aí está o canibalismo bailando, non sabes se é un recurso ao que ela recorre para que o abusón do cole deixe de molestala, ou foi unha ocorrencia que se fai bola de neve e que vai medrando”, explica Fraga.
O autor, premio Xerais pola súa obra de narrativa xuvenil Santoamaro, trae a historia perfecta para un Halloween (ou Samaín, que hai opcións para todos os gustos) caracterizado polos temas vetados e os disfraces prohibidos. “Son temas que lles apaixona e que lles dan morbo, e que non foron tocados polo tabú arredor da morte. É un xeito de ampliar as fronteiras das ficcións infantís, e de introducir novas narrativas”, conta o autor. A literatura dirixida ao público infantil debe, por enriba de todo, entrar polos ollos dos avezados e incipientes lectores, para os que non sirve calquera cousa. En Papá caníbal, a historia do interior suxire grazas ao lapis do ilustrador Santy Gutiérrez, que dá forma con acerto ás personaxes e as situacións que se contan. “Nunca traballara con Santy, e fíxeno a proposta de Xerais. A experiencia foi unha pasada”, relata.
Ambos autores compleméntase sen necesidade de máis comunicación que a confianza de deixar a túa historia en mans dunha segunda ollada, coa certeza de que o resultado pagará a pena. “Non tiven que dicirlle fai isto así e isto outro deste xeito. A interpretación que fixo das personaxes foi, en moitos casos, semellante á que tiña eu; e noutros, fixo algo completamente diferente ao que eu pensara, e iso foi marabilloso. Penso que gañou enteiros e fixo que a historia se revalorizase”, asegura Fraga.
O elemento escollido para a portada, un pé seccionado á altura do nocello (debuxado con elegancia, iso si) serve a ese propósito de entrar polos ollos dos cativos. “Fixo una entrada super potente, cun pé en primeiro plano. Xa vai chamar a atención entre outros libros por ser “o libro do pé”, aventura Fraga.”