Entrevista de Selina Otero a Antonio Manuel Fraga en Faro de Vigo:
“De neno adoraba as historias da Santa Compaña. Aqueles contos que escoitaba na casa aterrorizábanme e atraíanme á vez”, conta o autor. Con Papá Caníbal (Xerais) Antonio Manuel Fraga (Nogueirosa, Pontedeume-1976) crea unha historia “disparatada, enxeñosa, macabra e tremendamente divertida” incluso na estrutura: hai varios finais posibles, é o lector quen escolle. E parte dun detalle ben significativo: unha nena que está farta de que un abusón se meta con ela…
– Faro de Vigo (FV): Como definiría este libro?
– Antonio Manuel Fraga (AMF): Trátase dunha comedia moi fedella e un chisco macabra cuxo punto de partida é unha situación de bullying. Evidentemente non é casual que ese sexa o comezo, porque é un problema moi frecuente nas escolas e, ollándoo con certa sensibilidade, quixen que fose o detonante da acción de Papá Caníbal.
– FV: A protagonista é quen de darlle a volta inventando un pai caníbal?
– AMF: Se o inventa ou non é algo que non descubriremos até o final (e até aquí podo ler). Respecto ao de darlle a volta, Fedora consegue nun inicio frear os ataques do Vinagre, o abusón que lle amarga a vida. Mais o asunto complícase cando entra en escena un policía apartado do servizo a quen todo o mundo coñece na vila como o Efebeí. Devagar, a lea do papá caníbal medra coma unha bola de neve que estoura na mesma noite do Samaín.
– FV: Que agocha esta estratexia? É posible que un golpe de efecto así poida axudar a saír de situacións de abuso?
– AMF: Fedora bota man do enxeño para tentar saír desa situación. Cando lle di ao Vinagre que seu pai é un caníbal faino sen pensar nas posibles consecuencias, procurando o que ti dis: un golpe de efecto que free o abuso que está a sufrir. Parte un pouco da desesperación da nena, que é nova na vila, na escola e, aínda por riba, ten que aturar o abusón da súa clase. Malia a diferenza física, Fedora non se achanta.
– FV: Cre que é un tema que hai que tocar polo alcance que ten hoxe en día?
– AMF: Por suposto. Calquera tema é susceptible de ser tratado na literatura infantil, sempre que se faga coa óptica adecuada. O abuso (tristemente) aconteceu, acontece e acontecerá nas escolas. Tratar este tema nas ficcións non vai facer que desapareza como por arte de maxia, mais se axuda a reflexionar sobre este tipo de situacións estou convencido de que axudará dalgún xeito a que exista unha maior conciencia. (…)”