Paco Martín: “O lector ten que gozar cos libros”

Entrevista a Paco Martín en La Voz de Galicia:
“Galicia deu á cultura a Xeración Nós: Ramón Otero Pedrayo ou Vicente Risco xa conseguiron a consideración de clásicos. Pero hai tamén unha Xeración Lamote, que nestas pasadas décadas ten achegado moitos lectores á literatura en galego. O escritor Paco Martín (Lugo, 1940) é un dos membros, á que pertence dun xeito especial.
O nome do grupo, que Martín lle atribúe «ao editor Manuel Bragado», ten moito que ver cunha das obras máis coñecidas do autor, Das cousas de Ramón Lamote, cuxo éxito se pode comprobar de moitas maneiras. En primeiro lugar, non lle faltaron ao libro recoñecementos oficiais, pois acadou o Premio Barco de Vapor e o Premio Nacional de Literatura en 1986. En segundo lugar, porque o libro editouse ducias de veces e Martín ten coñecido familias nas que uns membros lían a obra e lla pasaban despois a outros.
Para entender o interese de Martín polas palabras e pola literatura, convén situarse no Lugo da posguerra. Por unha banda, lembra que os nenos que ían á escola dun mestre do barrio de Magoi, que estaba represaliado por republicano e daba clase na casa, escoitaban como o que fora ao cine contaba despois a película aos outros: algún filme, di, case lle gustou máis «como narración oral que visto na pantalla». Por outra, súa nai e outras mulleres xuntábanse e lían un libro, Genoveva de Brabante, que lles facía chorar. Martín confesa que non o leu para que non se rompese o mito xurdido arredor da obra, aínda que sospeita que as bágoas saían cando as mulleres descubrían, naqueles duros anos, historias máis duras ca as das súas vidas.
A Xeración Lamote —que inclúe nomes coma Agustín Fernández Paz, Xabier P. DoCampo ou Fina Casalderrey— veu encher un oco. Martín lembra que había algúns títulos —As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Carlos Casares, ou Os soños na gaiola, de Manuel María—, pero non un conxunto de obras pensadas para o público infantil e xuvenil.
A súa coñecida obra apareceu nun momento en que, lembra Martín, os escritores amosaban «unha certa tendencia a amosarse solemnes». «A literatura é o que é», opina el, convencido de que na lectura hai unha parte de pracer sen a cal non paga a pena. «O lector ten que gozar cos libros», di. Martín recoñece que foi un apaxionado lector, quizais coa mesma intensidade coa que agora rele libros coñecidos hai anos. Aos seus 81 anos, segue a escribir e prevé que dentro duns meses se publique a novela que vén de rematar. Entrementres, a gran familia de amigos de Ramón Lamote ten razóns para esperar máis incorporacións, pois o centro sociocultural que se abrirá no barrio lucense da Piringalla leva o seu nome. Admite que lle faría ilusión que alguén descubrise alí esa obra.”