Entrevista de Clara Rial a María do Cebreiro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como nace Maternidades virtuosas?
– María do Cebreiro (MC): Nace xunto á nena, como quen di. O proceso de escrita estivo moi condicionado pola maternidade, aínda que eu, en xeral, teño unha forma de escribir bastante impulsiva e pouco premeditada. É dicir, teño moitas temporadas de barbeito e de repente as cousas cando agroman parece que xa estaban escritas na cabeza.
É unha cuestión relevante porque cando nace a crianza hai moi pouco tempo para poder escribir. Mais tiven a sorte de que, a través de todas as reflexións me ían pasando pola cabeza durante o embarazo, foron saíndo cousas nas que levaba un tempo matinando. Realmente foi un proceso moi rápido e ao mesmo tempo moi fragmentado, por ese motivo. Moitas das cuestións xa as levaba escribindo, dalgunha maneira, desde hai moito tempo.
– ND: Xorde entón da súa propia experiencia como nai?
– MC: Por suposto. Era un tema que nunca me tiña tentado e tampouco era lectora de reflexións sobre a maternidade. O que ocorre é que é unha experiencia que te atravesa dunha maneira tan forte, tan revolucionaria e tan radical que case me obrigou a escribir para poder aterrala.
– ND: Que temáticas atopamos na obra?
– MC: O meu libro é un ensaio crítico sobre a maternidade, sobre a crianza. Non é exactamente unha obra en primeira persoa, pero tampouco me despeguei dela. É dicir, fun ao ensaio consciente de que non quería facer trampas, de que quería asumir o feito de que o meu interese pola cuestión viña dado pola miña propia experiencia. De feito, iso atravesa moita da escritura sobre a maternidade, ese elemento do xogo co “eu”. Trátase dun “eu” en construción, posto que cando un cativo nace, non só nace un cativo, senón que nacemos nós como nais e, polo tanto, tamén precisamos escribir para comprendernos. Sexa por medio da escrita, do pensamento, da creatividade ou do que sexa.
En realidade, é un ensaio crítico sobre a crianza no neoliberalismo. Busca describir como unha serie de procesos, que eu entendo que pertencen á vida íntima, foron, hoxe en día, coartados polos dispositivos do neoliberalismo no mundo do traballo, particularmente no mundo da empresa. Aparentemente son cuestións antagónicas, pero en realidade, a característica do neoliberalismo neste momento é coartar a vida íntima das persoas. Vou estudando unha serie de trazos e de mecanismos da crianza contemporánea, que mesmo moitas veces se venden como mecanismos progresistas, e vou tratando de facer visíbel até que punto obedecen a dispositivos do réxime neoliberal. Como se transvasan ferramentas do neoliberalismo empresarial e do traballo ata esas íntimas da crianza. É unha denuncia crítica diso.
– ND: O movemento feminista, entón, tamén toma presenza?
– MC: Por suposto, é inevitábel. O feminismo é o lugar desde o que está escrito o libro, sen dúbida algunha. Calquera reflexión crítica e consciente sobre a maternidade penso que ten que ser unha reflexión feminista. Case diría que é imposíbel facelo doutra forma. Esa crítica tamén se articula desde a perspectiva crítica ao neoliberalismo. Digo isto, porque tamén hai un tipo de feminismo liberal que está totalmente integrado no réxime e que é un tipo de feminismo moi particular.
– ND: Cre que, a través deste tipo de premios, as figuras femininas están a ser máis recoñecidas hoxe en día?
– MC: A min sempre me gusta dicir que, na Galiza, iso non é nada novo. Eu penso que o discurso feminino e feminista é dominante e foino durante momentos representativos da nosa historia. Isto non significa que non haxa motivos para loitar, porque os temos a diario. Pero no plano intelectual e cultural, a Galiza é un modelo de produción dun espazo de pensamento e de creatividade moi marcado desde o xénero feminino.”