Entrevista a Henrique Monteagudo en Diario da Limia:
“(…) – Diario da Limia (DL): Como chega vostede á obra de Casares e cando coñece a Carlos Casares?
– Henrique Monteagudo (HM): Antes de coñecelo persoalmente eu lera, polo menos, Os escuros soños de Clío. A Carlos coñecino a comezos dos oitenta sendo el deputado no Parlamento galego. En Compostela estaban aquelas tertulias da noite na Cidade Vella… Despois coincidimos en Galaxia. A nosa amizade foi a máis. Cando el se fixo cargo de Grial, pediume que fixese parte do consello de redacción da revista. Contra o final, cando el era o presidente do Consello da Cultura, eu era o secretario.
– DL: Que papel xoga Casares na literatura galega contemporánea?
– HM: Pódolle dar unha opinión máis ben como lector e como amigo que como experto. Penso que é un renovador da narrativa, fundamentalmente na narrativa, porque logo ten un capítulo importante como xornalista literario. Ademais está esa capacidade que tivo para chegar a un público moi amplo. Foi dos máis lidos, xa desde Vento ferido. Foi un autor enormemente popular, e por suposto que lle axudou moito a proxección que tivo a través das súas colaboracións en prensa.
– DL: Ser popular, chegar ao público… era unha vocación moi definida nel?
– HM: Si. El tiña unha vocación comunicativa extraordinaria. Era unha cuestión ética e estética. Porque pensaba, por un lado, que a literatura galega tiña que saír das capelas de iniciados e normalizarse. E, desde o punto de vista estético, el defendía a sinxeleza, a claridade. Unha elegancia que se baseaba niso… e que parece fácil cando se le.
– DL: Tamén a aposta polo galego foi unha aposta ética, política?
– HM: Unha aposta estratéxica, política e social, si. El pensaba que a normalización da lingua pasaba tamén por afastala de connotacións políticas. Evidentemente, sabía moi ben das connotacións políticas do uso do galego durante o franquismo. Pero, despois do franquismo, pensaba que a normalización viría por afastar o uso dunha identificación cunha posición política concreta. E iso xa era en si unha posición política.
– DL: Cambiou hoxe a percepción ou a recepción de Casares a respecto de hai vinte anos?
– HM: Pois non sei se teño a distancia suficiente do personaxe para dar unha resposta máis ou menos obxectiva esta cuestión. Para min é inseparábel o escritor da persoa, e é alguén que me veu acompañando… Téñoo moi presente. Habería que llo preguntar ás novas xeracións. (…)”