Roberto Pascual: “Traslado que tipo de país, de nación, queremos construír na Galiza con estas diversidades”

Entrevista de Antón Escuredo a Roberto Pascual en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como traballou esta historia tan dura?
– Roberto Pascual (RP): É o primeiro texto de ficción que escribo e dar o salto á creación desde o ensino era como un abismo. Tiña claras dúas premisas. Primeiro, facer o teatro que a min me gusta, o que considero máis innovador desde a escena. Desta maneira saíu unha peza que, desde o punto de vista estilístico, permitíame moito xogo escénico, moita mestura de distintas disciplinas artísticas.
Ten un proceso de documentación mais desbota moitos elementos para que opere o silencio e outro tipo de linguaxes escénicas que non sexan só a palabra. En segundo lugar, quería falar dunha cuestión que ás veces é invisíbel no noso contexto, que semella que non é unha realidade galega. O propio xurado, di que é un tema insólito na cultura galega, que nunca se abordou desta maneira e con esta estrutura no teatro de aquí.
É certo que fala de migración, de redes de trata de mulleres con fins de explotación sexual, mais tamén fala da burocracia do noso sistema, das políticas do Frontex que son máis de protección que de axuda ás persoas que precisan asilo ou que son vítimas de redes de trata. Mulleres que son obrigadas a utilizar os seus corpos, como Sophie, para saldar unha débeda que repercutirá no seu futuro, no seu desenvolvemento e na súa autoestima e integridade como persoa. Sophie é unha personaxe moi complexa.
– ND: Foi difícil a inmersión nesa personaxe tan complexa?
– RP: Partín de historias de vida. Traballei con algunhas ONG como voluntario e coñecín a realidade diversa de moitas mulleres en situación de prostitución mais con algúns fíos en común. Todas son vítimas de redes e todas operan da mesma maneira para amedrentar, para utilizar os corpos destas mulleres como un salvoconduto nos seus negocios e logo para soster un negocio moi rendíbel. Cantas situacións se viven no noso país para celebrar nun puticlub certos éxitos?
Elas, como indica o nome da peza, empregan un nome de guerra para saír á fronte. Compároo como algo bélico, as mulleres sempre teñen que estar preparadas como nun combate para ofrecer a mellor cara e un agarimo que non é máis que unha carauta. Sophie ten que facelo renunciando a atender ben os seus fillos.
Lin moitos ensaios e quixen tratar dignamente esta cuestión. Foi moi inspiradora a socióloga Silvia Pérez Freire, que fala da “vítima perfecta”. Ás veces os medios de comunicación sensacionalistas crean un relato épico das migracións ou unha traxedia moi lacrimóxena e eu non quería facer isto. Entendo que a arte diferénciase da socioloxía e do xornalismo en que ten que crear situacións de esperanza, de beleza e situacións de contradición. Creei unha personaxe por momentos contraditoria, vital mais perigosa e por veces autodestrutiva. (…)”