Desde Erregueté:
“A actriz, escritora e narradora oral, Paula Carballeira Cabana (Fene, 1972) é a gañadora da cuarta edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a asociación Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. A autora, residente en Teo, concorreu ao certame coa obra Dentes de coello, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.
O xurado, reunido de forma telemática, estivo composto por Carlos-Caetano Biscaínho-Fernandes, Marta Núñez Aboy, Ánxela García Abalo, Oti Ríos e Xavier Castiñeira Blanco, quen actuou como secretario. Un xurado que escolleu por unanimidade o texto de Carballeira presentado baixo o lema “Terrores nocturnos” entre os vinte presentados ao certame.
O xurado destacou “a atmosfera da peza na que o soño, a realidade e a violencia xeran unha paisaxe dual na que a realidade e a irrealidade se mesturan creando unha peza de gran carga atmosférica”. A acta do xurado destaca ademais “as grandes posibilidades de posta en escena do texto, na que destacan os xogos de sombras e luces, o espazo sonoro, a carga simbólica das personaxes e o desenvolvemento dunha trama chea de terror e surrealismo semellante ás paisaxes audiovisuais do cineasta David Lynch”.
Dende o Concello de Brión quixeron destacar o valor do Premio Laudamuco como o de maior dotación económica do teatro galego actual, “un desembolso importante para un pequeno Concello como Brión pero é unha satisfacción sacar á luz vinte novas obras teatrais en galego polo que, a pesar da pandemia sanitaria, este premio foi quen de fomentar a redacción de máis de 170 pezas orixinais en galego”.
O acto de entrega está previsto para o luns 16 de maio en Brión. (…)”