José Luis Baños de Cos gaña o premio Laudamuco de textos teatrais

Desde Nós Diario:
“O escritor José Luís Baños de Cos (Xerez da Fronteira, 1977) é o gañador da sexta edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, un certame literario convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor gaditano concorreu ao certame coa obra A porta. Un relato de violencia, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.
Ao certame presentáronse 49 escritos, duplicando a participación das dúas últimas edicións, só superada polos 54 orixinais recibidos na primeira edición. Deste xeito, o Premio Laudamuco leva promovido a escrita de máis de 200 textos teatrais en galego, cumprindo así o obxectivo para o que foi creado inicialmente.
O xurado -composto por Xoana Balado Fernández, Antonio Francisco Simón Álvarez Pérez, Miguel Pernas Cora, Francisco Oti Ríos e Carlos Vizcaíno Fernández, quen actuou como secretario- destaca que “o texto posúe unha poderosa dramaturxia construída a partir do cruzamento entre ficción e realidade, personaxes e intérpretes, metateatro e psicodrama, ben como o feito de a obra construír unha abafante atmosfera bélica como eixo do conflito humano, incluído o propio proceso de creación”. (…)”

Pontevedra: Culturgal 2022, do 24 ao 27 de novembro

Paula Carballeira gaña o Premio Laudamuco coa obra Dentes de coello

Desde Erregueté:
“A actriz, escritora e narradora oral, Paula Carballeira Cabana (Fene, 1972) é a gañadora da cuarta edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a asociación Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. A autora, residente en Teo, concorreu ao certame coa obra Dentes de coello, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.
O xurado, reunido de forma telemática, estivo composto por Carlos-Caetano Biscaínho-Fernandes, Marta Núñez Aboy, Ánxela García Abalo, Oti Ríos e Xavier Castiñeira Blanco, quen actuou como secretario. Un xurado que escolleu por unanimidade o texto de Carballeira presentado baixo o lema “Terrores nocturnos” entre os vinte presentados ao certame.
O xurado destacou “a atmosfera da peza na que o soño, a realidade e a violencia xeran unha paisaxe dual na que a realidade e a irrealidade se mesturan creando unha peza de gran carga atmosférica”. A acta do xurado destaca ademais “as grandes posibilidades de posta en escena do texto, na que destacan os xogos de sombras e luces, o espazo sonoro, a carga simbólica das personaxes e o desenvolvemento dunha trama chea de terror e surrealismo semellante ás paisaxes audiovisuais do cineasta David Lynch”.
Dende o Concello de Brión quixeron destacar o valor do Premio Laudamuco como o de maior dotación económica do teatro galego actual, “un desembolso importante para un pequeno Concello como Brión pero é unha satisfacción sacar á luz vinte novas obras teatrais en galego polo que, a pesar da pandemia sanitaria, este premio foi quen de fomentar a redacción de máis de 170 pezas orixinais en galego”.
O acto de entrega está previsto para o luns 16 de maio en Brión. (…)”

Publicado o número 8 da revista Núa

Publicouse o número 8 da revista Núa.

Os seus contidos son:
Limiar, por Julio Fernández.
Ngahme, por Raúl Dans.
Frustración, por Iria Bragado.
11 postais desde o deserto de sal, por Eva F. Ferreira.
Ricardo Segundo Terceiro, por Francisco Oti Ríos.
O fío de la vermella, por Carmen Abizanda Losada.
Meu pobre la Chaloupe, por Lourdes Leiriz.
República, por Sther F. Carrodeguas.
Vigozoo, por Marcos Abalde.
Dop, por Manuel Dosouto Rodríguez.