Desde a Real Academia Galega:
“«Vin a luz nunha aldea cun nome chulísimo: Córgomo. Pertence a Valdeorras, que é unha comarca de Ourense moi famosa polos seus viños. De feito, o viño e a natureza están moi presentes en toda a miña obra. Nese lugar hai un río precioso chamado Sil e unhas vides baixo as que fun moi feliz». Quen así se presenta é o propio Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), o protagonista do Día das Letras Galegas 2022, na biografía que Ledicia Costas escribiu para a páxina web Primavera das Letras, o proxecto da Real Academia Galega dirixido ao público escolar de infantil e primaria. A escritora, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, dálle voz ao propio homenaxeado, convertido nun neno máis para que sexa el mesmo quen lles conte a súa vida aos cativos e cativas do século XXI. E para iso sérvese dun trebello máxico, uns prismáticos que lle permiten viaxar no tempo e deterse en cada etapa dun periplo que arrincou nas terras valdeorresas e rematou no exilio mexicano.
«Para min escribir esta Primavera das Letras foi tamén un xeito de descubrir a vida e a obra de Florencio», confesa Ledicia Costas, que consegue transmitir o abraio da súa propia descuberta aos nenos e nenas nun texto igualmente atractivo para o público adulto. «Xunto a esa poesía tan pegada á terra, descubrín o seu afán de experimentación, porque eses “poemas crioulos”, nos que tira do exotismo e da musicalidade, foron un xeito de procurar outra maneira de comunicación. E fíxome rir coa súa poesía retranqueira e satírica, e descubrín que tamén fora un poeta político, con poemas moi ácidos como ese “Home pequeno – fol de veneno” sobre Franco», comparte.
A autora asumiu a encarga da RAG mergullándose na figura de Florencio Delgado Gurriarán a través da súa propia obra e mais de documentos e libros sobre o homenaxeado destinados a públicos de máis idade. E tamén documentándose sobre símbolos centrais na súa historia, que é dalgún xeito a historia de moitas outras persoas que se viron na obriga de fuxir dos seus fogares tras o golpe de Estado do 36. Iconas como o Ipanema, un dos chamados barcos da liberdade, no que escapou en 1939 a México canda outros galeguistas; ou como a revista Vieiros (1959-1968), editada polo Padroado Galego da Cultura Galega de México. «Queriamos que fose a máis impresionante do mundo galego e coidamos moitísimo a lingua. Xa sabes a rabia que me daba a min o castrapo (….). Non quero semellar un presumido, pero a revista era unha pasada!», conta sobre esta publicación emblemática o pequeno Florencio nesta biografía titulada Son o poeta que cruzou o océano.
A importancia do narrador neno
A elección dun Delgado Gurriarán neno como narrador foi unha decisión chave para facer a vida do autor interesante para a rapazada. «A súa vida foi case unha especie de aventura e pareceume unha boa idea que fose o propio Florencio quen a contase desde a visión infantil, considerei que era unha maneira de facela máis atractiva para o público de Primavera das Letras. O poeta neno é así quen relata a súa propia vida como unha aventura botando man deses prismáticos que lle permiten viaxar no tempo», explica Ledicia Costas.
Pero as palabras non o son todo. Blanca Millán foi quen creou as imaxes que acompañan o texto, que constitúen outro elemento central da propia biografía e de toda a páxina web de Primavera das Letras. «Como ilustradora deste proxecto, o meu maior reto foi dar con ese neno Florencio que, acompañado dos seus marabillosos prismáticos, guía os nenos e nenas nunha viaxe apaixonante pola súa vida», di a artista. «A aportación visual de Blanca foi moi importante. Creou unha vida chea de cor. Florencio, a quen lle gustaba tanto o baile, a música e a festa, estaría encantado con estas ilustracións tan coloristas, case como grilandas», compara Ledicia Costas.
Fichas para colorear e actividades interactivas
Xunto á biografía do autor, o proxecto Primavera das Letras ofrece tamén desde a súa páxina web fichas para colorear unha escolma de ilustracións de Blanca Millán, deseños de chapas e marcapáxinas e actividades interactivas para afondar en temas relacionados co universo vital e literario do poeta valdeorrés. Conta ademais cunha sección audiovisual, con vídeos protagonizados por nenos e nenas da súa comarca que cantan e recitan poemas da súa autoría, como «Aí vén o maio» ou «Casoiro».
Ao abeiro de Primavera das Letras, a RAG convoca ademais un concurso escolar arredor da celebración das Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán. Xa á volta do verán, Primavera das Letras estreará unha nova sección para achegar a lingua e a cultura galegas ao alumnado de infantil e primaria alén da festa do 17 de maio.”