Desde Praza:
““A maioría da xente non sabe como se chamaba a muller de Castelao, e entre a xente que si o sabe, prevalece a idea errónea de que Virxinia Pereira Renda -que así se chamaba- non era máis ca unha señorita conservadora, relixiosa e algo superficial da Estrada”. Así comeza A vida incerta, a biografía de Virxinia Pereira escrita por Montse Fajardo que vén de publicar Edicións do Cumio. En realidade, sen esta muller, explica a autora, o legado de Castelao non estaría hoxe a disposición do pobo galego. Ademais, Castelao era o máximo representante da Galiza democrática e Virxinia seguiu defendéndoa aínda cando “boa parte do antifranquismo, mesmo dentro do galeguismo”, se resignara á restauración borbónica decidida polo franquismo.
A biografía titúlase A vida incerta debido, precisamente, ás incertezas que caracterizaron o periplo dunha muller que en principio parecía destinada a unha vida máis doada, xa que nacera no seo dunha familia adiñeirada. Castelao estaba na Universidade cando Virxinia e el se coñeceron. Non era el, tampouco, a opción favorita dos pais dela, pois Castelao fora mozo dunha das irmás de Virxinia, a súa vocación parecía ser a de debuxante e ademais pertencía a unha familia conservadora, de ideas en principio contrarias ás liberais da de Virxinia.
Finalmente, a decisión de Castelao de montar unha clínica en Rianxo axudou a que o pai de Virxina o aceptase. Castelao e Virxinia terán pouco despois de casar o que será o seu único fillo, Alfonso. Axiña comezarán tamén os problemas de vista de Castelao, que o levan a preparar unhas oposicións para funcionario. Obtida a praza, Virxinia e el trasládanse desde Rianxo a Pontevedra, onde el terá unha intensa vida social -con faladoiros, actos políticos e encontros culturais- da que ela non participará.
Tras a morte do fillo por mor dunha enfermidade, Virxinia e Castelao atopan algo de paz na Bretaña francesa, destino da segunda bolsa da Junta de Ampliación de Estudios que consegue Castelao. “Esa viaxe”, explica Fajardo, “supón para ela un punto de inflexión respecto á vida anterior e pode que tamén, logo de tantas horas de charlas, respecto á súa propia implicación na ideoloxía de Daniel, que se ve moi influída polo exemplo bretón”. Pouco despois Castelao implicarase máis nas Irmandades da Fala, das que xa participara anteriormente. No 1934 é trasladado forzosamente a Badaxoz en castigo polas súas ideas políticas.
O bienio negro, explica Fajardo, suporá un novo paso na implicación política de Virxinia, que comeza a usar o galego na súa correspondencia co seu home. No 1936 Virxinia apoiará a Castelao na súa postura en favor de integrar o Partido Galeguista na Fronte Popular. Cando el obtén a súa segunda acta no Congreso, ela vaino acompañar algunha vez a Madrid nas súas viaxes e nalgúns actos de campaña a favor do Estatuto. O golpe do 36 colleunos en Madrid, desde onde partirán a Barcelona e Valencia, encargándose Virxinia de todos os trámites relativos a viaxes e novos fogares e mesmo de axudarlle a debuxar, pois os problemas de vista de Castelao avanzaban.
Ao ser el suspendido de emprego e soldo en represalia pola súa ideoloxía e, coas contas bancarias intervidas, o matrimonio comezará a ter máis problemas económicos ca nunca. No 1938, Virxinia acompañará a Castelao na súa viaxe pola URSS e despois polos Estados Unidos e por Cuba para defender a causa da República. Instalados máis tarde en Nova York, ela seguiu, tal como sinala Fajardo, ocupándose de todo o cotián para que el puidese dedicarse a recadar fondos. A parella agardaba poder pasar Arxentina, pero os trámites burocráticos demoráronse máis do previsto. Virxinia e Daniel quedaron nunha situación económica moi precaria, como inmigrantes ilegais en Estados Unidos e sen traballo. Virxinia facía milagres para aforrar o pouco diñeiro que Castelao gañaba como artista. Finalmente puideron trasladarse a Bos Aires.
Un artigo dunha revista describiu entón a Virxinia como esposa abnegada, sempre ao lado do seu home. Montse Fajardo matiza ao respecto que este texto “deixaba atrás moitas outras facetas dunha muller que permaneceu rexa durante o tempo en que padeceu os rigores do exilio coa mesma intensidade ca Castelao, e aínda así puxo por riba de todo a defensa dos valores galeguistas, republicanos e antifascistas que pode que lle transmitise el pero que ela asumiu como propios e defendeu ata o final da súa vida”.
En Bos Aires a vida de Virxinia respondía menos aos roles tradicionais do seu xénero, a compartir vida social co seu home, ao contrario de como fora durante a súa etapa de nai en Pontevedra. Daniel, explica Fajardo, xa non era Daniel senón Castelao e, sendo Virxinia consciente da tarefa vital del, facía todo o posible por axudarlle na mesma. Non habería así, probablemente, Castelao sen Virxinia, porque o traballo del non sería posible sen o dela. Castelao seguía traballando como creador, mais a parella recibiu tamén a axuda do exilio galego para que el puidese seguir a ser o voceiro da Galiza herdeira do Estatuto do 36.
A partir de novembro de 1944 Castelao será o presidente do Consello de Galiza e Virxinia “non só o acompañará na nova loita pola Terra, senón que asumirá de xeito definitivo e absoluto un ideario que seguirá defendendo sempre, tamén cando el xa non estaba, como amosará a súa correspondencia de viúva”, ademais de seguir asumindo a tarefa de acompasar a axenda familiar coa vida política. Pasarán despois un tempo en París no que volven as privacións máis elementais, como a falta de alimentos.
Virxinia non só asume entón as tarefas do coidado de Castelao, que volve estar enfermo, senón que será quen procure os víveres e administre os poucos cartos dos que dispoñían. Ao mesmo tempo ían disipándose as esperanzas dunha intervención aliada contra o franquismo para restaurar a legalidade republicana e o galeguismo do interior, liderado por Ramón Piñeiro, comezaba a ver con bos ollos a restauración da monarquía borbónica como un xeito de acceder de novo ás liberdades democráticas, aínda que finalmente Franco ocupouse de deixar todo “atado e ben atado” para asegurarse a continuidade do réxime. (…)”