Artigo de Santiago Jaureguízar en El Progreso:
“(…) Para elaborar unha entrevista non necesitas un cuestionario, senón concretar a primeira pregunta. Desde que a formulas soamente tes que escoitar ao entrevistado. A miña pregunta foi:
— Santiago Jaureguízar (SJ): Entre a primeira versión e a segunda lograches superar o medo a contar esta historia tan dura?
— Berta Dávila (BD): Non era medo a contala. Tiña a vontade de contar esta historia desde esta narradora. Quería facelo doutra maneira que se correspondía coa intención e non co desexo que eu tiña. Planifico moito os libros, despois recupero as notas, e ordeno e reescribo todo. Rematei esa versión por disciplina, sabendo que non funcionaba, e pasei a outra etapa, con sensación de loito por un libro falido. Xa abandonara outros; pero con este tiña a idea de que quería facelo, doutra maneira.
A personaxe da novela tivera un fillo con Miguel e quedou embarazada estando con Carlos como parella. Coñezo escasamente a vida de Berta Dávila e, con honestidade, carezo de interese en indagar nela. Eu atopo coincidencias de nomes, lugares e aconteceres. Dime:
— BD: Confío en que os lectores saiban trascender esa identificación. A novela recolle unha maneira de sentir os vínculos e os afectos.
A autora conta no seu texto que escribira unha primeira versión, titulada As flores trímeras e trataba “sobre as tres idades” humanas. “Era máis amable para o lector e para min”. Nesta segunda versión, Os seres queridos hai tamén tres mulleres: a avoa María coma nai carente de capacidade para optar a respecto de ser nai, a protagonista como individualidade e a protagonista como persoa que decide non ser nai novamente.
— BD: Hai unha liña clara entre a muller e a nai. Mellor, entre individuo e nai. A idea era falar dese cambio identitario, non da natalidade ou da conciliación, senón do estrano de ser diferente a que entra nun construto social de nai e deixar de ser individuo. Debe recoñecerse con ese construto. Despois de parir, eu non estaba interesada en que outras nais me falasen da alimentación dos nenos, nin dos obxectos de puericultura, nin dos cursos de natación para bebés, senón de como perdoaran aos seus fillos por descompoñer a muller que xa non eran.
A novela atende aos sentimentos e ás decisións que vai tomando a protagonista. A avoa, os pais e as parellas semellan transeúntes que contemplan o seu drama.
— BD: Ela sente a escisión como desaparición. Ese cambio faille preguntarse polas relacións de dependencia a respecto da avoa, e dos pais, que son figurantes. As parellas, Miguel e Carlos, están a un lado. Ela cuestiónase quen é a avoa, quen é esa muller? Decátase cando desaparece.
A protagonista compárase coa avoa María, que tivo varios fillos con naturalidade e resignación porque non puido reflexionar sobre se a súa vontade se correspondía coa maternidade. Esa mesma naturalidade aplícaa tras a desgraza dunha filla. “Co paso do tempo a súa tristeza tornou cada vez máis profunda e cada vez máis calada. É así como a miña avoa entende que debe dignificar o seu pesar”.
Ao tempo, a narradora cala diante da avoa que está embarazada porque se compara con ela e teme o seu reproche.
— BD: Eu non podo falar sobre o que sente a avoa. A avoa non fala, a personaxe é quen conta a avoa. Os outros personaxes eran máis importantes na primeira versión da novela.
Berta Dávila parece agora máis estable a respecto da maternidade, pero non sabe se o tema vai ter continuidade nas súas novelas.
— BD: Para min este libro é un fin de ciclo. Apetéceme escribir sobre outras cousas. O tema da estivo aí e parecía que nunca chegaba. Non sabía como enfocalo. Hai temas que estám no debate social, polo que, ao tratalos, corres o risco de ser un discurso xa construído. En temas tan marcados todo está condicionado por iso, é difícil levalos. (…)”