Entrevista de Antón Escuredo a Víctor Freixanes en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A literatura foi da man do xornalismo desde os inicios da prensa. Porén, hoxe acostumamos a ver un xornalismo afastado de toda literalidade, que mesmo prima a inmediatez dos feitos sobre o fondo dos mesmos. Cre que os medios de comunicación deben —debemos— apostar máis nos contidos literarios?
– Víctor Freixanes (VF): Desde os primeiros tempos as publicacións periódicas incorporaron creación literaria á súa oferta, tanto en prosa como en verso. O Diario de la Coruña, por exemplo, primeira mostra de xornalismo galego, que dirixía en 1808-1809 Manuel Pardo de Andrade, acolle nas súas páxinas composicións poéticas case como sección fixa, e non esquezamos que a primeira novela en lingua galega, a Maxina de Marcial Valladares, apareceu por entregas en 1880 na Ilustración Gallega y Asturiana que dirixía Manuel Murguía.
A tradición vén de moi atrás, o que sucede é que nos últimos tempos o produto xornalístico, o seu principal soporte, mudou, e a creación literaria desenvolveu os seus propios soportes, o libro fundamentalmente, se acaso agora tamén as redes. Pero a literatura esta aí. As mellores crónicas e reportaxes teñen un compoñente literario obxectivo que, ademais de atractivas, fai que resulten máis eficaces. Certo que o rexistro literario ten unhas características moi distintas do rexistro xornalístico, aínda que a literatura estea presente nos dous casos. Eu non escribo igual cando escribo para os xornais que cando asumo, libre de condicionantes, o rexistro da literatura. Neste segundo caso a lingua non é só un vehículo de comunicación, é un territorio autónomo, que adquire sentido por si mesmo. Facer literatura é, principalmente, traballar o idioma, recrealo; en certa maneira reconstruír o mundo a través das palabras. (…)”