Desde Nós Diario (foto da Fundación Manuel María):
“No serán de onte faleceu na cidade da Coruña Saleta Goy, a viúva do escritor Manuel María. Goy, presidenta da fundación que acolle o legado do poeta na Casa-Museo Manuel María, levaba ligada á cultura galega desde os anos 50, participando da vida social e política do país.
Os restos de Saleta Goy serán velados no tanatorio de Servisa da Coruña o domingo 11 de setembro, e a segunda feira realizarase na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, unha despedida civil, ás 17 horas, previa a recibir sepultura, ás 18 horas, no cemiterio de San Xoán de Outeiro de Rei, a poucos metros da Casa-Museo. Os seus restos repousarán xunto aos do escritor Manuel María falecido no ano 2004, con quen compartiu 45 anos de vida e de intensa actividade social e cultural.
Saleta Goy García fixo 90 anos o 6 de xuño e vivía na cidade da Coruña desde que en 1998 se trasladou alí, xunto a Manuel María, cando chegou á idade de xubilación. Saleta e Manuel María coñecéronse no ano 1957 e casaron dous anos máis tarde pasando a residir en Monforte de Lemos onde o escritor exercía como procurador dos tribunais. Foron eses momentos primeiros de dificultades económicas que obrigaron o escritor a compatibilizar o seu traballo de procurador coas clases nunha academia de ensino e as colaboracións xornalísticas. A pesar diso, Manuel María vai renunciar ao traballo de director de “La Voz de Vigo” por esixírselle a afiliación á Falanxe.
Desde o ano 1970 Saleta rexenta en Monforte a libraría Xistral, que a parella decidira abrir como un xeito de dinamización cultural e de obter os medios económicos imprescindíbeis para que o escritor conservase a súa plena independencia creativa. Foi aquel un lugar habitual de encontro de escritoras e escritores, de intelectuais, tanto da Galiza como de fóra, e un importante foco de difusión da literatura galega.
Saleta e Manuel mantiñan un inequívoco compromiso nacionalista desde os anos 50, o que acentuou máis a represión exercida sobre eles polo réxime fascista. Segundo sinalan desde a Fundación Manuel María, “non só se viu censurada a obra literaria do escritor e prohibidos os seus recitais e conferencias, senón que a represión cebouse sobre as súas propias persoas con multas cuantiosas, vixilancia domiciliaria permanente e detencións arbitraria”.
A Fundación Manuel María lembra, tamén, que “a represión non logrou que Saleta e Manuel María renunciasen ás súas conviccións nin cesasen en ningún momento na súa loita contra a ditadura franquista e en favor dos dereitos políticos de Galiza e, sobre todo, no traballo pola recuperación de usos para a lingua galega e polo dereito a vivir dignamente na propia terra en paz e harmonía cos demais pobos do mundo”.”
Aquí poden consultarse as fotos coa presenza de Saleta no Arquivo fotobiográfico d@s escritor@s, na web da AELG.