Gres, Vila de Cruces: Encontro Literario con Antía Otero

O domingo 25 de setembro ás 17:00 horas, a poeta e editora Antía Otero será a convidada no Encontro Literario, dedicado desta volta á poesía, que terá lugar na Casa do Romano, sede da Fundación Xosé Neira Vilas, en Gres (Vila de Cruces).
Autora de obras como O branco non pinta!, (Retro)visor ou O cuarto das abellas, pertence a unha nova xeración de galegas que veñen destacando na creación poética dos últimos anos. Haberá ocasión de falarmos do proceso creativo, da súa faceta no eido da videopoesía e mesmo da súa amizade con Neira Vilas e Anisia Miranda.
O encontro será conducido por Rosalía Morlán, secretaria da Fundación Xosé Neira Vilas.