Desde Cultura Galega:
“Unha nova edición do premio Arume de Poesía para a infancia vén de fallarse, a segunda tras retomar este certame o pasado 2021 logo de anos de parada. O xurado desta edición decantouse pola obra Os versos da mariola de Antón Cortizas (Ferrol, 1954) destacando dela a reivindicación que fai do xogo tradicional a través da poesía, que explica como “unha sorte de brincadeira coa palabra poética como vehículo para achegarse a un encontro entre a rapazada, máis alá da tecnoloxía ou as pantallas que predominan no tempo de vagar da infancia de hoxe en día”, un tema do que Cortizas é un dos grandes coñecedores como deixou claro no volume Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais (Edicións Xerais, 2013). No caso desta obra poética o xurado explica que é unha proposta lúdica, “atraínte por orixinal e pola riqueza da linguaxe”, asegura na súa acta. O Premio Arume de Poesía para a Infancia foi creado por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda coa finalidade de apoiar a poesía infantil e que tivo a súa primeira edición hai xa vinte anos, hoxe en día é unha iniciativa conxunta da Fundación Neira Vilas, a empresa Deleite e a asociación GÁLIX – Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, con Edicións Embora como empresa editora dos libros premiados. Este venres, 16 de decembro, ás 18.00 h. no Auditorio Neira Vilas, da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela terá lugar a entrega do premio, que ten unha dotación en metálico de 1.000 euros. No mesmo acto presentaranse os libros Violeta Parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez, gañadores da edición anterior.”
Arquivos da etiqueta: Anisia Miranda
Gres, Vila de Cruces: Trece anos lembrando a Anisia Miranda
Gres, Vila de Cruces: Encontro Literario con Antía Otero
O domingo 25 de setembro ás 17:00 horas, a poeta e editora Antía Otero será a convidada no Encontro Literario, dedicado desta volta á poesía, que terá lugar na Casa do Romano, sede da Fundación Xosé Neira Vilas, en Gres (Vila de Cruces).
Autora de obras como O branco non pinta!, (Retro)visor ou O cuarto das abellas, pertence a unha nova xeración de galegas que veñen destacando na creación poética dos últimos anos. Haberá ocasión de falarmos do proceso creativo, da súa faceta no eido da videopoesía e mesmo da súa amizade con Neira Vilas e Anisia Miranda.
O encontro será conducido por Rosalía Morlán, secretaria da Fundación Xosé Neira Vilas.
Vila de Cruces: inauguración da exposición Pontevedra en América. Unha mirada en feminino e conferencia de Pilar Sampedro sobre Anisia Miranda
“Amores literarios”, por Armando Requeixo
Artigo de Armando Requeixo desde o seu blogue, Criticalia:
“(…) As relacións amorosas entre escritores teñen sido, dende sempre, abondo frecuentes. Talvez a explicación a este feito haxa que procurala na especial complicidade artística que entre estes creadores se produce, pois, á fin, viven un mesmo mundo, compartindo angueiras e ilusións literarias. (…)
Tamén na historia da literatura galega hai casos de famosas unións entre escritores. Paradigmática sería a de Manuel Murguía e Rosalía de Castro, que compartiron vida e escrita fundando a nosa literatura moderna. E, mais contra os nosos días, aí o está o amor entre Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, quen coasinaron diversos textos e viviron por xunto iniciativas literarias de todo xorne. Igual de memorable é a romántica paixón que alentou entre Luz Pozo Garza e Eduardo Moreiras, que mesmo foi novelada nalgunha ocasión, e, felizmente contempladas, tamén as unións actuais dos poetas e narradores Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes ou Xoán Babarro e Ana María Fernández, por amentar só algúns exemplos.”
Pontevedra: actos destacados na Festa dos Libros para o sábado 24 e domingo 25
O domingo 25 de xuño finaliza a Festa dos Libros, na praza da Ferrería de Pontevedra, organizada polo Concello de Pontevedra e as librarías da cidade. O horario será, no sábado, de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 23:30 h., e no domingo de 11:00 a 14:30 h e de 18:00 a 22:00 h. Os actos máis destacados para estes dous días son os seguintes:
Sábado 24
– 12:00 h. Luís Davila asina exemplares do Bichero.
– 12:30 h. Presentación de Blues para Moraima, de Miguel Anxo Fernández, publicado por Galaxia. Acompañará ao autor Francisco Castro.
– 12:30 h. Xesús Constela asina exemplares de A rotura das paisaxes, publicado por Xerais, en Clip.
– 13:30 h. Sinatura de libros de Francisco Castro en Cronopios: Tes ata as 10 e Amor é unha palabra coma outra calquera.
– 19:00 h. Iria Collazo asina exemplares de A soidade das medusas. Paz.
– 20:00 h. Fran Alonso presenta Terraza, publicado por Xerais, nunha das terrazas da Ferrería.
– 20:00 h. Sinatura de Gogue: Floreano, publicado por Xerais, en Paz.
Domingo 25
– 12:00 h. Miriam Ferradáns. Nomes de fume. Paz.
– 12:00 h. Espectáculo infantil: Maimiñas: Volta, revolta e reviravolta. No Auditorio.
– 12:30 h. O vermú da poesía. María Xesús Nogueira. Presentación de Antoloxía da poesía galega próxima, libro coeditado por Chan da Pólvora e Papeles mínimos. Recitarán Lara Dopazo, Xabier Xil Xardón, Alicia Fernández, Jesús Castro, Berta Dávila, Antón Blanco e Oriana Méndez, acompañados polo editor Antón Lopo. Espazo Lector Nobel. Auditorio.
– 12:30 h. Salvador Rodríguez presenta Historias de galegos extraordinarios. Aviones de papel.
– 12:30 h. Diego Giráldez asina exemplares de Galería de saldos, publicado por Xerais. Cronopios.
– 12:30 h. Enrique Mauricio e Carlos Taboada: Periplo Atlántico, Un ronsel de ardora e Meiga Nova. Lela Edicións. Clip.
– 13:30 h. Juan Parcero: A fiestra aberta, Toxosoutos. Cronopios. Auditorio.
– 18:00 h. Loli Veloso: Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, no corazón dos nosos nenos. Fundación da Medicina Xenómica. Clip.
– 19:00 h. Lecturas orgullosas. Eva Mejuto: 22 segundos, publicado por Xerais, e Carlos Callón con Amigos e sodomitas, publicado por Sotelo Blanco. Presenta Carmen Fouces. No Auditorio.
– 19:00 h. Inma López Silva presenta Aqueles días en que eramos malas (Galaxia). Cronopios.
– 19:00 h. Cristina Corral Soilán e Aurora Cascudo Román presentan De paseo con Helena, publicado por Embora. Paz.
– 20:00 h. Xosé Monteagudo: Todo canto fomos (Galaxia). Paz.
– 20:00 h. Sinatura de Eva Mejuto: 22 segundos, en Seijas.
Casas literarias: Xosé Neira Vilas
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Xosé Neira Vilas naceu o 3 de novembro de 1928 na Casa do Romano, na parroquia de Santiago de Gres, Concello de Vila de Cruces. A vivenda é unha edificación labrega que se remonta ao século XVIII e que durante moito tempo foi albergue para os peregrinos que, polo Camiño Portugués, viaxaban cara a Santiago.
Na Casa do Romano naceron tamén tres irmáns do autor: María, Xesús e Mercedes. Foi este fogar o lugar no que viviu ata os seis anos, pois a partir de 1935, cos cartos que seu pai trouxo de Bos Aires (a onde marchara cinco anos antes), construíron unha nova vivenda na que foron morar os proxenitores, os catro fillos e os avós maternos destes. Foi nese novo inmoble onde naceron os outros tres irmáns de Xosé: Santiago, Manuel e Carmen. (…)
En 1992, logo de chegar a un acordo coas autoridades para a restauración da natal Casa do Romano, volveu ao seu Gres da infancia e a casa que o vira nacer ampliouse cun novo edificio deseñado polo arquitecto César Portela. Neste conxunto duplo é onde hoxe se atopa a sede da Casa Museo Xosé Neira Vilas, que alberga unha pequeno salón de actos, un museo etnográfico, unha biblioteca e a zona propiamente de vivenda, espazos todos que na actualidade coida con tesón admirable o padroado da fundación que leva o nome do escritor, dirixida moi competentemente por Luís Reimóndez.
De novo na Casa do Romano, a mesma que se ve na foto que figura na cabeceira destas liñas, Neira Vilas e Anisia pasaron o resto dos seus anos. No caso dela ata o seu pasamento no 2009. No del, ata hai agora un ano.”
A homenaxe á literatura infantil será múltiple no próximo Salón do Libro
Desde Sermos Galiza:
“Cada ano, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra homenaxea a un autor ou autora da escrita para públicos novos. A próxima será a 15 edición e, con este motivo, queren celebrar a tod@s que foron homenaxead@s en anteriores edicións.
María Vitoria Moreno, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, Bernardino Graña, Xabier P. DoCampo, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Paco Martín, Gloria Sánchez e Marilar Aleixandre son os autores e autoras que recibiron a homenaxe anual do Salón do Libro Infantil e Xuvenil que para a próxima edición, cando se cumpren 15 desde o seu nacemento, prepara un recoñecemento colectivo a quen se lle adicou até o momento a celebración anual.
Cociñando Contos será o tema escollido para a próxima edición, vencellado ao proxecto europeo Europa á carta no que participa en parcería coa editorial Oqo. A ilustradora da AGPI que se encargará de deseñar o o cartel será Natalia Rey González, Pirusca, que traballa na imaxe do encontro que terá lugar do 14 de marzo ao 5 de abril.”
O Salón do Libro de Pontevedra homenaxea a Anisia Miranda cunha lectura colectiva da súa obra
O martes 9 de febreiro ás 19:00 horas o Salón do Libro de Pontevedra homenaxea a Anisia Miranda cunha lectura colectiva das súas palabras, na cal todas as persoas interesadas na súa obra están convidadas a participar. O evento celebrarase na Casa dás campás e o tempo de intervención será de entre 3 e 5 minutos por lector.
Faleceu Anisia Miranda
A escritora galego-cubana Anisia Miranda faleceu hoxe aos 76 anos de idade. Compañeira desde hai máis de cincuenta anos do escritor Xosé Neira Vilas, con quen casou en 1957, Anisia Miranda é autora dunha importante obra en galego dirixida ao público infantil, con títulos coma Pardela amiga, Cantarolas, Os contos do Compay Grilo, A primeira aventura, A casa dos títeres, A volta do Compay Grilo e Mitos e lendas da vella Grecia.